O Goberno canadense abre a porta a retomar a busca "cando as condicións meteorolóxicas o permitan"

Operativo de busca despregado nas augas de Terranova (Foto: JRCC Halifax).
Melanie Joly, ministra de Exteriores do Canadá, vén de comunicarlle ao seu homólogo no Estado español, José Manuel Albares, que o Goberno canadense ten a "vontade" de retomar o operativo "na medida do posíbel".

O ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José Manuel Albares, indicou esta sexta feira que o Goberno canadense manifestou a súa "vontade" de retomar a procura dos mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitantxo' fronte ás costas de Terranova.

Albares falou na noite da quinta feira coa súa homóloga canadense, Melanie Joly, e recibiu outras dúas mensaxes súas nas últimas horas. Segundo contou nunha entrevista en Onda Cero, a diplomática trasladoulle a "vontade, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan", de continuar "cos esforzos na medida do posíbel".

O ministro subliñou que a busca tivo que suspenderse polas condicións meteorolóxicas adversas, "con ondas de máis de oito metros, visibilidade moi curta e temperaturas de tres graos baixo cero (-3ºC) que fan practicamente imposíbel continuar os labores de procura e que mesmo poñen en risco a vida dos equipos de rescate".

A última hora da cuarta feira, após máis de 36 horas de procura, o Canadá confirmou que daba por concluído o dispositivo dos doce desaparecidos. Así, o operativo de procura suspendeuse cun balance de tres mariñeiros achados con vida e nove corpos recuperados. Os tres sobreviventes son o patrón do barco, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial Padín, e Samuel Kwesi, residente en Marín.

Precisamente, as condicións meteorolóxicas adversas atrasaron unhas horas a chegada a terra dos barcos que transportan os tres sobreviventes do naufraxio e os nove corpos recuperados.

Finalmente o buque 'Praia Menduíña 2', a bordo do cal están os tres sobreviventes e sete dos corpos atopados após o naufraxio do 'Vila de Pitanxo', arribará contra as 16.30 horas —hora da Galiza— aproximadamente, segundo veñen de confirmar a Nós Diario fontes de Salvamento Marítimo.

Aliás, o barco de bandeira canadense 'Nexus' chegará a este porto, previsibelmente, contra as 11.30 horas desta sexta feira. Alí viaxan os outros dos corpos rescatados en augas de Terranova.

Con todo, as autoridades aínda non precisaron que día serán repatriados á Galiza tanto os cadáveres como os tres mariñeiros que sobreviviron ao naufraxio.