Oito de cada dez persoas en risco de pobreza non reciben ningunha prestación, alerta un estudo

As prestacións só chegan a 20 de cada cen persoas en situación de pobreza, advirten desde CCOO. (Foto: Nós Diario)
Comisións Obreiras chama a aproveitar as etapas de crecemento económico para "desenvolver políticas que combatan a pobreza e a desigualdade".

Un estudo elaborado por Comisións Obreiras con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemora o 17 de outubro, revela que só 20 de cada cen persoas en risco de pobreza na Galiza recibe unha prestación. Neste sentido, o sindicato considera "especialmente preocupante" a situación das persoas pensionistas, posto que a contía de máis da metade das pensións está por baixo do limiar da pobreza, cifrado en 10.088 euros anuais para unha persoa soa.

O estudo recolle no seu prólogo que analizar e avaliar a pobreza é moi complexo como consecuencia da disparidade de parámetros que se utilizan na súa medición, pero que se "midan como se midan, os niveis de pobreza alcanzan cotas inadmisíbeis socialmente", en palabras do sindicato, que avoga por aproveitar as etapas de crecemento económico para "desenvolver políticas que combatan a pobreza e a desigualdade".

CCOO lembra que o indicador AROPE, no ano 2022, sinalaba que 634.949 galegos e galegas estaban en risco de pobreza ou execución social. Delas, 488.283, que representan até 18% da poboación do país, viven baixo o limiar da pobreza. Ou, dito doutra maneira, dous de cada dez galegos "son pobres", apunta a secretaria de Política Social do sindicato, Maica Bouza. En situación extrema atópanse 182.952 persoas.

Neste "grave contexto", as redes de protección social "deben desempeñar un papel determinante". O sistema público de pensións e de protección de desemprego e as rendas de inserción deberán cubrir as necesidades básicas das persoas que se atopen en situación máis vulnerábel, apunta Bouza.

Comisións tamén lembra que leva anos pedindo modificar a renda autonómica de inserción (Risga) para facela compatíbel co ingreso mínimo vital (IMV). O último informe sobre a amplicación e avaliación da Lei de inclusión social da Galiza cifraba en 6.247 as persoas —en 2022— perceptoras da Risga e en 3.283 as axudas de inclusión (AIS).

Tamén recollía que o orzamento utilizado para abonar as prestacións ascendía a case 36 millóns de euros, o que suporía unha contía media de 456,4 euros de prestación. En canto ao IMV, o número de titulares a data de agosto deste ano era de 33.013, cunha contía por fogar de 456,7 euros.

En síntese, CCOO conclúe que na Galiza habería pouco máis de 40.000 persoas titulares dunha renda de integración e poderíase estimar que dela se benefician unhas 100.000 persoas ou, o que é o mesmo, só unha de cada cinco persoas (20%) en risco de pobreza teñen unha prestación.

Pola súa parte, o informe Segunda opinión sobre IMV, elaborado pola AIReF, conclúe que o IMV "despregou só unha parte do seu potencial", pero "ten percorrido para converterse nun instrumento máis potente na loita contra a pobreza", debido a que na Galiza "só chega a 39% dos potenciais fogares beneficiarios".