As comarcas do sur da Galiza rexistran as taxas de pobreza máis altas

A ponte de Tui (Baixo Miño) (Foto: N. Lecoz)
Unha de cada catro persoas mozas está en risco de pobreza ou exclusión na Galiza

En 27.200 fogares galegos non existen ningunha persoa perceptora dun ingreso salarial ou dalgún tipo de pensión ou prestación por desemprego. Son 3.600 fogares menos que no ano anterior.

Porén, o número de fogares cunha soa persoa per‐ceptora dalgún ingreso económico aumenta no último ano até 475.000, o que supón 2,5% máis que no ano anterior (11.600 fogares máis), e representa xa 42,4% dos fogares galegos, segundo datos do Consello Económico e Social.

En 2022 había na Galiza un total de 359.000 vivendas nas que ningún dos seus membros ten a condición de activo, o que representa 32% do total das vivendas familiares en Galicia, unha de cada tres. 

A taxa de risco de pobreza ou exclusión social (Estratexia Europa 2020) descende na Galiza en 2021, para situarse en 18,47%, por baixo da taxa rexistrada no ano 2019.

A análise da taxa de risco de pobreza a nivel de áreas xeográficas reflicte por primeira vez á área de Pontevedra sur (que comprende as comarcas da Paradanta, O Baixo Miño e O Condado), como a que presenta a taxa de pobreza máis elevada con 28,9%, seguida de Ourense sur (A Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana), que supera 24%. Son as comarcas fronteirizas con Portugal. 

A franxa de idade tamén determina a existencia de diferenzas no risco de pobreza. Na Galiza a poboación entre 16 e 24 anos é a que rexistra unha maior incidencia, de modo que 25,6% destas persoas estarían en risco de pobreza ou exclusión social situándose en 20,3% para as persoas de entre 50 e 64 anos e en 22,7% para os menores de 16 anos.

Entre 31 de decembro de 2019 e 2021 a taxa de risco de pobreza e exclusión social redúcese entre os homes e mulleres de 50‐64 anos e maiores de 65 anos, sendo esta redución máis importante entre os homes en ambos os dous casos. Por contra, aumenta no caso dos menores de 16 anos e entre os homes de 16 e 24 anos e entre as mulleres de 25‐49 anos.