Só 14% das persoas en situación de "pobreza severa" percibe o Ingreso Mínimo Vital

Seis de cada sete persoas con carencias materiais severas non percibe o IMV. Na imaxe, o Banco de Alimentos das Rías Altas (Foto: Arxina).
Segundo os datos máis recentes, o Ingreso Mínimo Vital (IMV) só cobre 14% das galegas e galegos en situación de extrema vulnerabilidade, e apenas 6% das persoas que padecen pobreza relativa. Persoal do terceiro sector sinala a 'Nós Diario' as causas da escasa cobertura desta prestación e instan a Administración a que axilice os trámites para aumentar os beneficiarios. Aliás, cren que a Risga debe ser complementaria á prestación estatal.

O Ingreso Mínimo Vital (IMV) botou a andar a mediados do pasado ano coa pretensión de "garantir, a través da satisfacción dunhas condicións materiais mínimas, a participación plena de toda a cidadanía na vida social e económica". Agora, un ano e medio despois de que comezasen a percibir esta prestación as primeiras persoas beneficiarias, o obxectivo semella estar aínda lonxe de cumprirse no noso país.

Segundo os datos máis recentes do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, na Galiza perciben hoxe o IMV 36.145 persoas, das que 23.052 son adultas e 13.093 menores de idade, a través de 16.478 solicitudes aprobadas. Son 3.254 máis que as resoltas favorabelmente a comezos deste ano, o que tamén supón un incremento de 3.932 galegas e galegos beneficiarios.

Porén, cruzando estes datos co último informe da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galiza), que cifraba en 254.043 as persoas en situación de pobreza severa (9,4% da poboación total), conclúese que apenas 14,33% das e dos cidadáns con grandes carencias materiais percibe o ingreso mínimo. Isto supón que deben sobrevivir con menos de 535 euros mensuais, no caso das persoas que viven soas, ou menos de 1.123, para un fogar con dous adultos e dous menores.

A reforma do IMV para 2022, insuficiente

A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, e o titular de Inclusión, José Luis Escrivá, anunciaron recentemente unha serie de modificacións no real decreto-lei que regula o IMV de cara a 2022. Así, crearase unha nova axuda por fillo ou filla que oscilará entre 50 e 100 euros ao mes, en función da idade da menor, e a contía para os fogares que teñan un membro cunha discapacidade superior a 65% verase incrementada en 22%. Cando entre en vigor o decreto, previsibelmente en xaneiro do vindeiro ano, as prestacións asociadas ao sistema de dependencia non se computarán como ingresos á hora de percibir o IMV.

Aliás, permitirase que os mozos e mozas tuteladas, ao cumpriren a maioría de idade, acceden automaticamente a este subsidio sen necesidade de acreditar ningún ano de vida independente, como viña sendo habitual. Para o resto de menores de 30 anos, reducirase de tres a dous anos o período que precisan acreditar.

Estas mudanzas lexislativas suporán que a contía mínima para unha persoa adulta —sen descontar os ingresos que puidese ter no ano anterior— fique en 484,03 euros mensuais, 50 menos que a cifra de 535 que indica o limiar da pobreza severa.

O IMV subirá en 2022 a 484 euros, unha contía aínda por baixo do limiar da pobreza severa

"Unha das nosas reclamacións inmediatas de cara a 2022 é que o IMV cubra este limiar. Hoxe calcúlase con base no 30% dos ingresos medianos da poboación, e nós pedimos que se siga o exemplo doutros países europeos e se calcule sobre o 40%. De non ser así, non se atallará o problema da pobreza severa", apunta, en conversa con Nós Diario, o director da EAPN Galiza, Xosé Cuns.

O seguinte paso, explica, debe ser "ir avanzando para combater a pobreza relativa", para o que será preciso, alén de aumentar o número de beneficiarios desta prestación, "favorecer procesos de inserción sociolaboral".

Nuria Chao, técnica de inclusión social, salienta a este respecto que o decreto-lei prevé despregar "itinerarios de inclusión flexíbeis e adaptados a cada situación", a fin de contribuír na inserción destas persoas. O Ministerio está a artellar, de cara a finais do presente ano, un proxecto piloto do que participará a Galiza xunto a outros oito territorios do Estado e cinco oenegués. "O papel da Administración e dos servizos sociais públicos debe ser prioritario nas accións a desenvolver", afirma.

No tocante aos 32.017 expedientes denegados —61% dos resoltos até o momento, polo que só se aprobaron catro de cada dez—, salienta como causa principal que o Estado toma como referencia os ingresos do ano precedente: "Na lei hai un apartado que di que se poderán ter en conta en situacións excepcionais as rendas do ano en curso, mais na práctica o que se revisa son os do anterior. Unha persoa que traballase 'x' meses o ano pasado pode que non precisara o IMV, mais a súa situación puido mudar e este ano quizais si sexa necesaria", expón.

Tamén Xosé Cuns insiste nesta cuestión: "Debería valorarse a situación dos tres meses anteriores, ou mesmo a actual. As persoas máis vulnerábeis son quen perderon empregos que xa eran precarios de por si, e agora precisan axudas ás que acollerse", sostén.

Esta situación provoca que algunhas galegas e galegos teñan que percibir diferentes prestacións de forma simultánea: "Temos xente que traballou con contratos protexidos da Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) que, malia non lograr a integración laboral e perder o posto, os seus ingresos son computados e descontados do IMV, polo que cobran menos de 100 euros mensuais. Hai persoas que están a percibir este subsidio, a Risga e máis as prestacións da dependencia", asegura Sonia González, secretaria do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza (Ceesg).

Un subsidio "demasiado burocratizado"

"Teoricamente, a tramitación do IMV ía ser doada, mais estamos a ver que é o contrario. Non debería ser exclusivamente dixital. Hai moito descoñecemento, tanto sobre o procedemento coma do alcance e compatibilidade da prestación", sinala a coordinadora da asociación Boa Vida-Inclusión Activa, Pepa Vázquez.

De feito, todas as fontes consultadas por este xornal coinciden na "excesiva burocracia" que arrodea os trámites do subsidio. Na Galiza hoxe hai aínda 3.231 solicitudes pendentes de resolución. "Hai que ter en conta que moitas persoas con este nivel de vulnerabilidade non teñen un certificado dixital ou a Chave 365 para xestionar o subsidio. Nós acompañámolos no proceso, mais aínda así atopamos moitas dificultades porque falta formación e persoal... É moi complicado", lamenta Sonia González, que considera "fundamental" que durante a tramitación "se teñan en conta a casuística e a complexidade de cada familia".

"As persoas máis vulnerábeis non teñen a Chave 365 ou o certificado dixital para poder tramitar o subsidio", di Sonia González

Nuria Chao apunta tamén á falta de profesionais do perfil de traballo ou educación social: "Non se incrementou o persoal da Seguridade Social, que xa tiña unha gran carga de traballo por mor da pandemia e viuse obrigado a tramitar tamén esta nova prestación, que parte desde cero. E son persoas cun perfil administrativo que non conta cunha visión social, que é fundamental para, cando menos, valorar este subsidio", argumenta.

"A Seguridade Social non estaba preparada para tantas solicitudes, e malia ser un proceso lento xa ten máis receptores que a Risga. Agora vai arrincando lentamente, mais aínda non se cobren todas as necesidades da xente en situación de pobreza severa", engade Xosé Cuns. Neste senso, a coordinadora de Boa Vida incide na importancia de que o IMV "garanta un mínimo benestar persoal", xa que, a día de hoxe, "non alcanza para vivir" e "debe ser complementaria" con outras axudas ou con contratos laborais, por exemplo a media xornada, cuxos ingresos non sexan suficientes para subsistir.

39% de persoas vulnerábeis, sen IMV nin Risga

Así as cousas, segundo un estudo de Oxfam Intermón publicado o pasado xuño, unha de cada catro persoas en situación de pobreza severa (39%) non pode optar nin ao IMV nin á Risga. Deste modo, a Galiza é o sexto territorio do Estado cunha menor cobertura das prestacións sociais, moi afastada de Euskadi, onde segundo este mesmo estudo só 3,7% da poboación máis vulnerábel ficaría fóra destas prestacións básicas.

Aliás, con base nos últimos datos difundidos pola Xunta, na Galiza hai 9.020 beneficiarias da Risga, unha cifra que descendeu desde que se aprobou o IMV.

"A Risga debe servir de complemento do ingreso mínimo. Por unha banda, como un ingreso a maiores para quen cobra un IMV demasiado baixo, e, por outra, para chegar ás persoas que directamente non o poden percibir", sinala o director da Rede Galega contra a Pobreza.