Sen sindicatos, pero si coa patronal: así compón a Xunta o novo órgano de Ordenación do Territorio e Urbanismo

A directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, nunha reunión; será unha das integrantes da nova Xunta Consultiva. (Foto: Xunta da Galiza).
A nova Xunta Consultiva subsititúe a actual Comisión Superior de Urbanismo da Galiza.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle nesta cuarta feira o decreto da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que a Xunta "crea e regula" a nova Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Este organismo, que actuará como ente consultivo, contará con competencias en materia territorial sobre a emisión de informes relacionados cos procesos da administración públicas vencellados coa ordenación do territorio e o urbanismo; realizará estudos e investigacións sobre este ámbito; e prestará colaboración nos procesos contencioso-administrativos nos que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sexa parte.

En canto á constitución desta Xunta Consultiva, a maior parte dos seus integrantes corresponden aos responsábeis locais, provinciais e autonómicos do Goberno galego en materia de ordenación do territorio e urbanismo, mais non incluirá nesa composición representantes sindicais nin integrantes de colectivos ambientalistas ou civís.

Pola contra, si contará con "dúas persoas representantes das organizacións empresariais de sectores especialmente relacionados coa ordenación do territorio e o urbanismo", é dicir, dous representantes da patronal da construción ou do sector inmobiliario.

Comisión Superior de Urbanismo da Galiza

A nova Xunta Consultiva subsititúe a actual Comisión Superior de Urbanismo da Galiza, co obxectivo de "facilitar aos distintos operadores técnicos e xurídicos que traballan nestas funcións o desenvolvemento das súas funcións, segundo expón a propia Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O Goberno galego tamén xustifica a creación deste organismo na "crecente" demanda por parte das administraicóns públicas e colectivos profesionais dun órgano específico que preste asesoramento á hora de interpretar a normativa vixente en materia de urbanismo.