Medio Ambiente

A serra do Suído acolle este sábado un festival para 'defender o monte'

Pozo do Piñeiro, na serra do Suído (O Covelo, comarca da Paradanta). (Foto: Sur da Dorsal Galega)
Dez parques eólicos ameazan un entorno de gran valor natural.

Este sábado 15 de abril nace o I Festival do Suído co obxectivo de se consolidar como "un acontecemento cultural e de defensa da terra" que convida a "protexer a serra e prever das consecuencias da depredación", entre outras cousas, pola "ameaza" eólica. Será unha xornada que promete "gozar" do monte, da música e da poesía, nunha iniciativa organizada pola plataforma Sur da Dorsal Galega e que se desenvolverá co monte como pano de fondo.

A primeira edición deste festival decorrerá no lugar da Airoa, na parroquia da Laxe do Concello de Fornelos de Montes (comarca de Vigo), cun programa que se iniciará na xornada da mañá cun roteiro para dar a coñecer os valores naturais, patrimoniais e económicos da serra do Suído.

Os festexos continuarán cun xantar comunitario, un coloquio sobre a riqueza natural e patrimonial do Suído, e o programa artístico, que contará coa participación de poetas como Silvia Penas ou Anxo Angueiras, entre outros, e coas actuacións musicais de Su Garrido Pombo, Antilia e Tonhito de Poi.

O evento, que nace con vocación de continuidade, ofrecerá ás persoas que participen unha experiencia "única", ao convidar a achegarse aos valores do monte, "un espazo único e, non obstante, aínda pouco coñecido".

#SonSuído

Manuel Rivas, Xurxo Souto, Caruncho, Uxía, Antón Lopo, Ramón Rozas ou o músico Jásper son algunhas das persoas que están a participan na campaña #SonSuído que se desenvolve nas redes sociais co obxectivo de "defender o monte" fronte a depredación eólica. Segundo a plataforma, dez parques eólicos "ameazan" a serra, "un golpe mortal" para o entorno.

De maneira especial, o parque eólico Carballoso, que se instalaría entre A Lama, Fornelos e Avión (onde coinciden as comarcas de Pontevedra, Vigo e Avión, respectivamente) e que prevé estar composto por dez aeroxeradores de gran dimensión. O proxecto, de 51 MW, conta co visto e prace do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Xunto con Carballoso, están previstos nove parques eólicos máis ao longo de toda a dorsal, que suporían a instalación de case 200 turbinas, convertendo un “espazo natural único” nun polígono industrial.

Sur da Dorsal Galega advirte de que a instalación destes parques eólicos afectaría especies animais vulnerábeis, turbeiras e brañas, que son elementos de especial protección, así como a áreas de grande interese paisaxístico recoñecidas oficialmente.