Sermos Galiza investiga as razóns da visita de cetáceos ás costas galegas

Imaxe do tema que abre o Sermos Galiza deste sábado. (Foto: Nós Diario)
No semanario, que atoparás o sábado nos puntos de venda habituais e na nosa tenda en liña, poderás saber máis sobre a ova novela de Alberto Fortes e descubrirás as chaves da arquitectura de premio do estudo Flu-or. Nesta ocasión, tamén levarás unha completa proposta culinaria. 

Tiñas plans para o sábado? Non hai problema, Sermos Galiza vai contigo. Iso si, non podes deixar atrás o novo número do semanario que, entre outras moitas cuestións, vaiche descubrir o por que de que cada vez haxa máis cetáceos perto das rías galegas.

Raquel Besteiro asina a reportaxe ‘Balea azul. O derradeiro canto do xigante’, no que fuxe das boas vibracións que teñen as e os turistas cando teñen a oportunidade de ver, por exemplo, unha balea durante as súas vacacións.

Lonxe de ser unha boa noticia, visitas como a dunha balea azul ao entorno das illas Cíes o pasado 10 de agosto apuntan a unha cuestión preocupante: o cambio climático.

Así o comentan os científicos consultados, que subliñan que non hai unha maior poboación de grandes cetáceos senón que os seus desprazamentos cambiaron motivados, entre unha ampla casuística, polas variacións no clima.

Mapas xeométricos, mapas urbanos

Tamén falando de investigación, mais neste caso de carácter literario, Manuel Xestoso entrevista o escritor Alberto Fortes. Baixo o título ‘Alberto Fortes. Novelar o mapa’ ambos debullan os detalles da súa última novela, A viaxe xeométrica de Domingo Fontán, que está a medio camiño entre a ficción e o ensaio.

A obra conta a odisea do ilustrado para elaborar o que sería o primeiro mapa da Galiza.

E se uns reflexionan sobre os mapas xeográficos, outros tecen novos mapas urbanos. É o caso do estudo de arquitectura e deseño coruñés Flu-or, que este sábado ocupa as páxinas de arquitectura.

Iago Valverde é o autor da reportaxe ‘Flu-or. Arquitectura liviá’. A través do texto vai contando a súa conversa coas traballadoras dunha empresa que vén de gañar un premio da bienal española de arquitectura polo proxecto efémero Tribuna.

O paseo e a lectura, dous básicos

Se xa é demasiada información para un sábado pola mañá, sempre poderás prepararte para saír a camiñar con Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo -o Colectivo Xea—por ‘Rianxo, un litoral para gozar e aprender’.

De regreso na casa, no apartado de libros Mario Regueira e Inma Otero Varela teñen dúas grandes propostas: As malas mulleres de Marilar Aleixandre e Notas sobre a extinción de Marta Dacosta, respectivamente.

Na sección de música é a quenda de Estelar, de André Matos, traballo do que fala Fernando Montenegro e Alejo Amoedo fornece a reflexión ‘Miguel Zanetti, pianista que iluminou o camiño a varias xeracións de cantantes e pianistas’.

Pola súa banda, Andrés Castro elixe como protagonista da escolma de cinema a cinta Annette, que ve como un ‘Sorprendente musical’.

Case para fechar o semanario con bo sabor de boca, Anxo Fole achega propostas gastronómicas ‘De Xapón a Vilalba’ e Vive, Vide! recomenda dous caldos galegos. E para aproveitar aínda máis a fin de semana, podes gozar dos pasatempos creados para ti por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Xa che tarda que sexa sábado para ter estes contidos nas túas mans? Sermos Galiza agardará por ti, xunto a Nós Diario, nos quiosques e na nosa loxa en liña. Porén, se queres telos a domicilio podes facer a subscrición agora mesmo!