Entrevista

Sergi Saladié, profesor na Universitat Rovira i Virgili: "Todos os concellos con parques eólicos perden poboación"

Sergi Saladie i Gil, xeógrafo e especialista en renovábeis. (Foto: Nós Diario)
Sergi Saladié i Gil (Vandellos,1974) é profesor de Xeografía na Universitat Rovira i Virgili. Investigador de referencia para a enerxía eólica no Estado, centra o seu traballo no impacto económico das enerxías renovábeis. Nesta conversa, analiza a incidencia da enerxía eólica no emprego e no despoboamento.

—Que impacto está tendo a produción eólica no despoboamento dos espazos rurais?
O 80% dos municipios cataláns con instalacións eólicas perderon poboación na última década. Precisamente, a Terra Alta, unha comarca situada no sur de Catalunya, coa máis alta concentración eólica do país, é, en porcentaxe, a que máis poboación perdeu. 

Non teño certificado que exista unha relación causa-efecto entre despoboamento e parques eólicos, pero si que está claro que estas instalacións non permitiron reverter as tendencias xeográficas. A este respecto, existen moitos exemplos de como a xeración de renovábeis e a presenza de aeroxeradores dificulta e disuade outras actividades económicas.

—Vén de explicar a incidencia da eólica no despoboamento dos concellos de Catalunya, é isto extensíbel a outros territorios do Estado español?
Os estudos que se foron publicando os últimos anos apuntan todos nesa dirección. Así, un traballo elaborado por diversos profesores do departamento de Análise Económica da Universidade de Zaragoza baixo a dirección de Rosa Duarte, onde se analiza o impacto da eólica no baixo Aragón, conclúe que esta actividade foi incapaz de reverter o imparábel descenso demográfico nos concellos desa zona e tampouco foi capaz de xerar emprego.

Na mesma liña, un informe da Universidade de Valencia indica que 20 dos 22 concellos do País Valencià con instalacións eólicas perderon poboación; porén, aqueles municipios próximos sen centrais de renovábeis gañaron habitantes. Non son especulacións, son evidencias: todos os concellos do Estado con eólicos perden poboación.

—Unha das súas liñas principais de investigación xira arredor do impacto das instalacións eólicas no desenvolvemento económico e no emprego, cales son as principais conclusións ao respecto?
Os ingresos municipais procedentes das centrais eólicas representan en Catalunya 3,4% da facturación estimada das empresas que as controlan. Neste sentido, 2% está suxeito a tributos obrigatorios que deben pagar as empresas e o resto está relacionado cos convenios que se estabelecen entre o concello e a empresa que non sempre se acaban cobrando.

Na mesma dirección, a súa incidencia no emprego é testemuñal unha vez que os parques son operativos, representando no caso catalán a ratio de traballadores fixos nos concellos produtores o 0,02% dos postos de traballo por megawatt instalado. 

A maiores, estas operacións de mantemento desenvólvenas empresas subcontratadas que se ocupan de varios parques ao mesmo tempo e que nalgúns casos proceden de fóra do país.

—O réxime de propiedade e o beneficio social para as comunidades locais muda en función dos Estados europeos. Que diferenzas destacaría?
Alemaña e Dinamarca, países máis avanzados no desenvolvemento das enerxías renovábeis, contan cun modelo máis democrático, cun número moito maior de axentes que interveñen no desenvolvemento destas enerxías e máis distribuídas polo territorio.

Por exemplo, Alemaña contaba en 2010 con 50.000 megawatts de enerxía renovábel instalada, sendo titulares do 54% da enerxía eólica e do 84% da fotovoltaica as comunidades locais e os particulares. 

Ademais, o 66% de 15.000 megawatts de fotovoltaica estaban situados nos espazos urbanos, correspóndelle a propiedade a cidadáns que participaban do capital das sociedades que as impulsaban.

O negocio, en mans de grandes empresas

Sergi Saladié explica a Nós Diario que “os beneficios sociais e económicos xerados polas enerxías renovábeis non chegan ás comunidades locais, fican sempre en man das grandes empresas e a cidadanía non se ve beneficiada coas instalacións de renovábeis”.

Neste sentido, “asístese a un proceso de concentración do negocio en mans dos grandes operadores enerxéticos” e sinala como no caso comarca catalá da Terra Alta “os parques eólicos foron desenvolvidos por EDP, que no proceso de montaxe non contou con ningunha empresa nin autónomo da zona”.

A realidade descrita por Saladié é aplicábel á Galiza, onde os principais operadores do sector eólico son compañías estranxeiras, cuxa sede fiscal está emprazada en Madrid, comezando por Iberdrola, con 599 megawatts e seguida por Acciona, con 562 megawatts.