Consello da Xunta

A Xunta apura a tramitación de 3.731 MW eólicos: 66 parques eólicos autorizados e 26 rexeitados dos 140 que estaban pendentes

Alfonso Rueda aprema o Goberno español a autorizar os proxectos de renovábeis do seu dominio vencellados a iniciativas industriais na Galiza como as de Alcoa, Sentury ou Showa Denko.
Alfonso Rueda e Francisco Conde esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda e Francisco Conde esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).

Menos dunha semana resta para que caduquen os permisos de acceso e conexión á rede correspondentes a 140 parques eólicos que suman unha potencia de 3.731 megawatts (MW) —case a mesma que a que xa está operativa actualmente, 3.897 MW, segundo datos da patronal— e a Xunta da Galiza, responsábel da tramitación destes proxectos, pisa o acelerador para evitalo.

Emitir as respectivas declaracións de impacto ambiental (DIA), paso previo á concesión das autorizacións administrativas, é hoxe a máxima prioridade do Goberno de Alfonso Rueda, quen esta quinta feira compareceu após o Consello da Xunta canda o conselleiro de Economía e vicepresidente primeiro, Francisco Conde, para dar conta da situación actual desta enxurrada de expedientes e cargar de novo contra o Executivo estatal por fixar "unilateralmente" unha data límite, a da próxima terza feira, que provocou unha "importante sobrecarga" na Administración, reforzada con 120 funcionarios para poder formalizar estes procedementos, derivada da "avalancha de solicitudes" por parte de diferentes empresas promotoras, dixo o presidente.

Até o momento resolvéronse 92 deses informes ambientais pendentes, 66 deles con resultado favorábel e 26 nos que se declararon as instalacións "non viábeis", polo que se procederá ao seu arquivo. Precisamente esta quinta feira o DOG recolleu as resolucións correspondentes a quince deses proxectos dos que once obtiveron a luz verde da Consellaría de Medio Ambiente, que suman 82 aeroxeradores e 371,7 MW. Son seis propostas de Green Capital Power radicadas nas comarcas da Coruña, Ordes, Deza, Os Ancares e Lugo; catro de Greenalia, nas Mariñas, Deza, Allariz-Maceda e Caldelas; unha de Enel Green Power, nos Ancares, e outra de Adelanta Corporación, en Ordes.

20 millóns máis para autónomos

A polémica xurdida arredor da liña de axudas 'Impacto autónomo'recorrida por Unións Agrarias— propiciou que o Consello da Xunta aprobase dúas novas partidas por un importe total de 20 millóns de euros, a primeira dirixida a novos emprendedores e a segunda a autónomos que leven cando menos tres anos e medio co negocio. O Goberno prevé axudar unhas 7.000 persoas.

Un caixeiro en cada concello

Outra das propostas autorizadas na reunión semanal do Executivo foi unha ampliación do programa que sufraga a instalación de caixeiros en concellos que non contan con ningunha oficina bancaria e que xa axudou 36 concellos, dixo Rueda. Agora preténdese aumentar a súa cobertura ao 2% de municipios —0,2% da poboación galega— que hoxe segue sen servizo.

Equipos de enfermaría para o rural

O mandatario galego tamén informou da posta en funcionamento de 35 equipos de enfermaría, formados por dous profesionais cada un, para prestar atención sanitaria a domicilio a pacientes crónicos en zonas rurais do país, un programa dotado con 3,3 millóns de euros.

MIR nos centros de saúde

Cuestionado polos medios, valorou a proposta para a área de Pontevedra e O Salnés de botar man de médicos internos residentes (MIR) de cuarto ano para pasar consulta nos centros de saúde, "sempre" con supervisión dun titor ou colaborador e por 1.950 euros ao mes adicionais. "Se non hai médicos, haberá que buscar fórmulas dentro do requisito irrenunciábel de manter garantías na atención sanitaria e paliar a carestía de médicos", defendeu.

Esta mesma quinta feira o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos presentou un informe que evidencia que nove de cada dez MIR —en concreto, 91,9%— incumpre na Galiza a normativa europea de máximos de xornada laboral, un tope fixado en catro gardas ao mes.

De cara ás eleccións municipais

Continuando no eido municipal, o presidente pronunciouse tamén a respecto dos "empadroamentos masivos" en casas de persoas ligadas ao PP de Castrelo de Miño a falta de catro meses para as eleccións: "Temos unha normativa sobre empadroamentos e abonda con cumprila. Se se está a incumprir, paréceme mal".

Rueda, que afirmou estar "moi satisfeito" co seu equipo de goberno e polo tanto prevé "esgotar a lexislatura" sen mudanzas significativas, non aclarou se pactará de novo con Gonzalo Pérez Xácome en Ourense. "En apenas catro meses será a veciñanza que faga balance das candidaturas, mais gustaríame que tivésemos o apoio suficiente para poder desenvolver as nosas políticas en solitario", apuntou.

Comentarios