Social

O número de sanitarias contaxiadas na Galiza elévase a 1233, das que 240 foron polo uso de máscaras defectuosas

Corredor de hospital (Sergas).
O Sergas trasladou na Comisión central de seguridade e saúde que, en relación ao uso de máscaras defectuosas, "séguense facendo probas" e faltan test, polo menos, nas áreas de "Vigo, A Coruña e Lugo".

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) trasladou esta sexta feira aos sindicatos na Comisión central de seguridade e saúde que hai 1.233 traballadoras do Sergas contaxiadas polo coronavirus e situou nunhas 240 as afectadas con positivo en COVID-19 polo uso das máscaras de protección defectuosas que foron retiradas após a realización de máis de 5.000 probas a usuarios destas.

Así o explicaron a Europa Press fontes sindicais tras a reunión telemática desta sexta feira, que se prolongou máis de tres horas, na que indicaron que se lles trasladou que, en relación ao uso de máscaras defectuosas, "séguense facendo probas" e faltan test, polo menos, nas áreas de "Vigo, A Coruña e Lugo". "Exixíuselles que fixeran un seguimento", abundaron estas mesmas fontes.

En relación ás profesionais contaxiadas, os sindicatos sinalaron que o Sergas lles notificou até a data 1.233 e situou en 279 as que recibiron a alta laboral. Ademais, concretou que as curadas elévanse a 709 ao incluír as que recibiron a alta hospitalaria após 15 días e as que deron negativo após unha segunda proba. Por iso, estiman "nunhas 500 as afectadas aínda".

Os sindicatos sinalaron que o Sergas lles asegurou que "van seguir facendo o test" ao persoal, "priorizando por áreas de media e alta exposición", matizaron.

Após o encontro, ao que asistiron a través de videoconferencia representantes de CIG, UXT, CSIF, Satse e CCOO, xunto a representantes da Xunta, as centrais valoraron que se lles vaia a trasladar información puntual sobre a evolución da pandemia en reunións estabelecidas cada venres por vía telemática.

Probas a todo o persoal

Javier Martínez de UXT comentou que sobre as máscaras defectuosas recibidas de Madrid lle pediron ao Sergas que "non se volva a repetir" porque Galiza "ten que verificar que ese material vén ben".

María Xosé Abuín de CIG-Saúde explicou que reprobou a "falla de formación e información" do persoal en relación a aspectos como o material de protección. "As traballadoras teñen dereito a coñecer que tipo de material e como protexe fronte ao risco", apostilou.

En relación ao reforzo de persoal coa prórroga de contratos MIR, Abuín incidiu en que denunciaron que "viñesen substituír postos de traballo" cando "eran contratos de reforzo". Ademais, fixo fincapé en que "é unha obrigación do Sergas identificar todo o material coa súa ficha técnica" e que "se de a coñecer aos traballadores".

Por parte de Satse, Carmen García, manifestou que insistiu en que "tivesen material suficiente e adecuado" para evitar "desconfianza e temor" entre o persoal do Sergas. Tamén, como o resto de sindicatos, reivindicou que "se fagan todos o test necesarios ás que tivesen posíbeis contactos coa COVID-19 e ás que non".

O representante de CCOO Javier González valorou que "por fin" lles vaian a facilitar aos sindicatos información en reunións fixadas para as sextas feiras. Sobre este encontro destacou que solicitaron "que se faga a proba (da COVID-19) a todo o persoal, incluído o de limpeza, porque está no mesmo centro" que o resto, co fin de "saber como está".