Persoal sanitario denuncia ter traballado coas “máscaras defectuosas” mesmo despois de darse a alerta

Traballadoras do Hospital Marítimo de Oza, da área sanitaria da Coruña, denuncian teren recibido as “máscaras defectuosas” distribuídas polo Sergas até 24 horas despois de Sanidade ter dado a alerta sobre elas. 
Entrada do Hospital de Oza, na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Entrada do Hospital de Oza (Foto: Nós Diario).

O Sergas asegurou que paralizou na quinta feira, 16 de abril, o reparto das máscaras de Garry Galaxy enviadas polo Ministerio de Sanidade após este alertar de que estaban defectuosas. O Sergas avisou entón ás Xerencias das áreas sanitarias.

Porén, as centrais sindicais ese mesmo día exixiron ir máis alá, e demandaron que se procedese á inmediata retirada dese material, que se identificase a todo o persoal que estivera en exposición de risco, cunha falsa protección, e se procedese de inmediato á realización dos tests.

E o certo, é que as máscaras non foron retiradas, polo menos no Hospital Marítimo de Oza. Traballadoras e traballadores da sanidade neste centro relatan a Nós Diario como estiveron recibindo esas máscaras mesmo 24 horas despois de coñecerse que non cumprían os requirimentos.

Ningunha destas persoas quere dar o seu nome, pois din que compañeiras que criticaron a desprotección laboral e a falta de medios no seu centro recibiron xa “advertencias”. “As nosas queixas vense como unha deslealdade cara ao Sergas e a dirección”, mais “a protección que eles dan ás e aos traballadores deixa moito que desexar”, di unha das enfermeiras que aproveita para exixir á Xerencia da área sanitaria da Coruña que “dea explicacións” por repartírense máscaras defectuosas un día despois de terse avisado do seu mal estado polas autoridades.

“Entregóuseme na sexta feira ás 15.30 horas, un día e medio despois do aviso de Sanidade, unha das máscaras defectusoas”, di unha das celadora

“A min entregóuseme na sexta feira ás 15.30 horas, un día e medio despois do aviso de Sanidade, unha desas máscaras defectusoas”, di unha celadora a Nós Diario. “Xa facía unha semana que levaba a mesma máscara de filtro, a que empregamos as celadoras e celadores cando estamos en contacto con pacientes coa COVID-19”.

Como as indicacións que lle forneceron sinalan que ao levar empregando a máscara durante sete días, debe mudala por unha nova, dirixiuse á súa supervisora para solicitar renovala. “Foi entón cando me deron a máscara defectuosa”. Relata que no momento “non me din conta”, mesmo brincou no vestiario cunha compañeira: “a ver se vai ser das malas”. Conta tamén como, xustamente, no vestiario se decatou de que a máscara nova reunía as indicacións dadas para identificar as defectuosas.

“Así que fun xunta a supervisora e ensineille a noticia nos medios de que Sanidade alertara desas máscaras. Pola súa reacción penso que non recibira ningunha indicación da Xerencia”.

“Ao principio da crise sanitaria foi todo moi novo, unha loucura, podes entender que houbese eivas, pero agora levamos máis dun mes co coronavirus e non pode haber este descontrol, estamos falando dunha doenza seria, que podes contaxiar un paciente ou contaxiarte ti mesma”, resalta esta celadora, ao tempo que lamenta que non se lles estea a dar “unha protección adecuada ao persoal da súa categoría, a de celadoras, “a min tardáronme un mes en darme unha máscara FFP2 a pesar de tratar con persoas positivas no meu posto laboral”.

Outro celador corrobora a versión desta traballadora, pois estaba diante cando sucedeu a entrega da máscara. Despois de alertaren á supervisora “unha enfermeira quedou encargada de cambiar as máscaras defectuosas a, polo menos, 11 persoas”. “Con seguridade, oito traballadores, como mínimo, empregámolas ate a tarde da sexta feira”.

Demandan que lles realicen probas

Traballadoras e traballadores de Oza demandan que se lles realicen tests para comprobar que, logo de empregaren máscaras defectuosas, non estean contaxiadas. “A min e a outros compañeiros fixéronos os tests na sexta pola mañá”, di o celador. Porén, as probas que lles realizaron foron realizadas antes de que se lles retirasen as máscaras defectuosoas, é dicir, que as seguiron empregando logo de faceren a proba, polo que demandan que se lles volvan realizar.

Comentarios