Sanidade

O Sergas elixe para dirixir o distrito sanitario de Valdeorras un antigo directivo da sanidade privada

Alberto Pedrera Fidalgo será a cabeza visíbel do Hospital de Valdeorras. (Foto: Sergas)
Tras o seu paso polo hospital ourensán El Carmen, Alberto Pedrera dirixirá o sistema público na comarca.

Alberto Pedrera Fidalgo é o elixido polo Sergas para dirixir o distrito sanitario de Valdeorras. O seu nomeamento recolleuno esta cuarta feira o DOG por medio dunha orde da Consellaría de Sanidade que informa da provisión deste posto polo sistema de libre designación tras a saída de Margarita Rodríguez, que presentou a súa dimisión a finais de febreiro.

O que desde agora será a cabeza visíbel do Hospital de Valdeorras recala de novo na sanidade pública após o seu periplo no último lustro como director de Recursos Ecónomicos e Recursos Humanos do centro médico El Carmen, hospital privado da cidade de Ourense, da que Pedrera é orixinario.

Hai xa unha década deu pulo á súa carreira profesional no ámbito da xestión sanitaria como un dos directores da empresa pública Galaria, da que aínda figura como apoderado —cargo que mantivo durante a súa etapa na privada— e cuxa xerente é a ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera. Afronta esta nova etapa con "ilusión e responsabilidade", afirmaron desde o Sergas.

O caso da xerente do Sergas

O paso da sanidade privada á pública que vén de dar Alberto Pedrera chega semanas despois de que Nós Diario desvelase o vínculo familiar entre a máxima responsábel do sistema público, Estrella López-Pardo —desde agosto de 2022—, e o xerente da patronal dos hospitais privados da Galiza, o seu irmán Manuel.

A xerente do Sergas compareceu posteriormente no Parlamento galego para defender a súa "honorabilidade" ante o debate suscitado a raíz desa publicación, e afirmou con rotundidade que "non existe conflito de intereses" entre pública e privada malia ser irmá dun dos principais representantes do sector.