A ex conselleira é a xerente da entidade pública Galaria

A Xunta concede un novo contrato millonario á empresa da ex conselleira Rocío Mosquera

A ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, beneficiaria da "porta xiratoria" que en 2017 a situou á fronte de Galaria, non foi mencionada en ningún momento na presentación dun novo centro de medicamentos CAR-T en Compostela malia ser a moderadora do evento e a responsábel do proxecto, que custará tres millóns de euros.
Julio García Comesaña e Rocío Mosquera, xerente de Galaria e moderadora dun evento no que non foi citada (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, e Rocío Mosquera, xerente de Galaria, esta segunda feira, presentando o proxecto encargado á entidade nun acto no que se obviou á ex responsábel de Sanidade (Foto: Xunta da Galiza).

A Consellaría de Sanidade organizou na pasada segunda feira un acto para presentar as liñas xerais da posta en marcha na Galiza dun centro de produción de medicamentos CAR-T (terapia celular avanzada para o tratamento do cancro) en Compostela, un proxecto que, en palabras do conselleiro, Julio García Comesaña, "revolucionará o modo de tratar o cancro".

Para informar do evento, o departamento de prensa remitiu aos medios unha nota na que se daba conta do acontecido... Excepto un pequeno detalle. A moderadora foi a ex conselleira de Sanidade (2012-2015) e ex xerente do Sergas (2009-2012) Rocío Mosquera, actualmente xerente da empresa pública Galaria, que será a encargada de levar a cabo este proxecto orzamentado en tres millóns de euros. No texto, publicado no portal da Xunta e difundido a través das redes sociais, non se fixo mención ningunha a Mosquera. Tampouco se citou que Galaria será a man executora.

Controversia

Como conselleira, viuse salpicada polo escándalo dos medicamentos contra a hepatite C. Tamén foi cuestionada pola controvertida posta en funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en 2015, que levou a cidadanía a tomar as rúas nunha histórica manifestación após a cal foi destituída.

A finais de 2017 foi nomeada xerente de Galaria SA, empresa pública dependente de Sanidade. A entidade xestiona na área de Vigo as unidades de oncoloxía e radioterapia, unha cuestión que resulta incompatíbel coa política de implantación das Estruturas de Xestión Integrada (EOXI), a fin de coordinar e integrar todos os servizos baixo a dirección dunha mesma xerencia. O Sergas xustificou daquela a súa designación alegando que se trataba dunha decisión "provisional" durante un máximo de tres meses, até sacar a concurso público a praza en cuestión. Porén, máis de tres anos despois, Mosquera continúa á fronte de Galaria.

Durante este tempo, a súa xestión foi novamente censurada por negarse a facer TAC a 14 doentes de cancro previamente citados no Cunqueiro en 2018, algo que a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) considerou que formaba parte "do torpedeo continuo por parte de Galaria para non integrarse na estrutura xerárquica do Sergas en Vigo".

Nós Diario recolleu as múltiples denuncias da Confederación Intersindical Galega (CIG), que acusou a Xunta de manter a concesión a Galaria "para garantir un posto á anterior conselleira de Sanidade". E o pasado xaneiro este xornal informou tamén do informe do Consello de Contas que puña en cuestión o modelo de concertos na Sanidade galega.

Cómpre lembrar que Mosquera alternou senllos cargos entre a pública e a privada ao longo da súa traxectoria: traballou para o Sergas desde 1985, agás un breve período entre 2002 e 2009, cando foi xerente do Hospital Nuestra Señora de la Esperanza de Compostela.

Comentarios