O Sergas efectuará 486.000 consultas hospitalarias menos no vindeiro ano

46.553 persoas agardan por unha cirurxía na Galiza. (Foto: Europa Press)

As listas de agarda non deixan de aumentar nos diferentes niveis da atención sanitaria. O propio presidente galego recoñeceu este problema na última sesión de control no Parlamento. Porén, as previsións recollidas na memoria dos Orzamentos da Xunta para o ano 2023 adiantan un novo incremento dos tempo de espera.

A Xunta da Galiza é consciente do malestar existente entre a poboación polos tempos de espera no sistema sanitario público. A este respecto, no proxecto de lei de orzamentos para 2023 sinala que “o principal obxectivo de cara ao ano 2023 é a diminución dos tempos medios de espera para intervencións cirúrxicas, primeiras consultas hospitalarias e probas diagnósticas, para o que se prevé un esforzo orzamentario destinado a maximizar os recursos asistenciais e reducir estes tempos medios, cando menos, ao nivel prepandemia acadado a finais do ano 2019, récord histórico de mínimo nestes indicadores”.

Mais as intencións do Goberno galego contrastan coa realidade. Neste sentido, as autoridades sanitarias propoñen no documento orzamentario reducir as consultas hospitalarias en relación a 2022 en 486.000 actuacións. A medida chega nun momento onde as listas de agarda están en máximos históricos, até o punto de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) leve sen facer públicos os datos dos tempos de espera desde o pasado exercicio. Tanto é así que tradicionalmente o Goberno galego daba a coñecer esta información no mes de xuño e de decembro, prescindido nesta anualidade de publicar as cifras das listas de agarda referidas ao primeiro semestre de 2022.

As listas de agarda

A información parcial sobre os tempos de espera en Atención Especializada no primeiro semestre de 2022, á que tivo acceso Nós Diario, debuxa un escenario moi preocupante. As cifras certifican que 198.323 persoas agardan por unha cita médica nalgúns dos hospitais do país, o que representa 38.000 cidadás e cidadáns máis que o ano pasado.

Ao tempo, 119.197 persoas (25.000 máis que en 2021) esperan por unha proba clínica e 46.553 por unha operación. Neste último caso, a lista de agarda incrementouse nun semestre en máis de 6.000 persoas, superando en 12.000 as cifras anteriores á pandemia.

O alcance dos tempos de espera é moi complicado de determinar, ao dispor o Sergas de dúas listas de agarda. A primeira, a oficial e que fai pública, coñecida como lista estrutural, recolle as e os doentes que van ser atendidos no prazo de 60 días fixado pola lei. A segunda, coñecida como non estrutural, xestionada a través do sistema informático Ianus do Sergas, agrupa un número indeterminado de cidadáns na que se recollen, entre outras, as persoas que desbotaron seren derivadas á sanidade privada ou se viron obrigados a renunciar a unha cita...

A veracidade das listas de agarda do sistema sanitario son cuestionadas polos propios profesionais e por entidades en defensa da sanidade pública. A Asociación do Defensor do Paciente discrepa no seu informe de 2021 da “melloría” anunciada polas autoridades sanitarias en relación coas listas de agarda “posto que os recortes orzamentarios, a falla de persoal sanitario e o feche de camas en toda a rede do Sergas estiveron á orde do día”

O voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, en conversa con Nós Diario, sinala que “seguen maquillando as listas de agarda ao non publicarse os doentes que se acumulan nas listas non estruturais” e denuncia “o seu importante incremento nos últimos tempos”. Neste sentido, apunta a que “o número real de persoas en lista de agarda pode ser entre 30% e 60% superior aos recollidos nos datos oficiais da Xunta” e lembra un estudo elaborado polo seu colectivo en 2019 que “situaba en 17.000 ou 18.000 as persoas nesta situación na área sanitaria de Vigo”.

A realidade das listas

“A realidade das listas”, continúa Martín, “coñéceas ben a poboación, que debe agardar meses antes de ser intervida. A media de tempo dun doente desde que acode á Atención Primaria por un problema achégase a 200 días, dado que hai que sumar o tempo da primeira consulta en Atención Especializada, das probas diagnósticas e da agarda para cirurxía”. Na mesma liña, advirte que “mentres non se normalice a situación na sanidade a cousa vai seguir empeorando, xerándose problemas novos como o colapso de determinados servizos hospitalarios ou a falla de determinados servizos.

“A realidade das listas”, continúa Martín, “coñéceas ben a poboación, que debe agardar meses antes de ser intervida. A media de tempo dun doente desde que acude a Atención Primaria por un problema achégase a 200 días, dado que hai que sumar o tempo da primeira consulta en Atención Especializada, das probas diagnósticas e da agarda para cirurxía”.

Na mesma liña, advirte que “mentres non se normaliza a situación na sanidade a cousa vai seguir empeorando, xerándose problemas novos como o colapso de determinados servizos hospitalarios e atopándose nas consultas persoas con patoloxías graves moi avanzadas, porque a enfermidade non espera”.