Rueda avala que haxa centros de saúde na Galiza que carezan de pediatra

A Xunta presentará un recurso ante o Supremo contra a Lei de Costas.
Alfonso Rueda, á dereita, encabezando a xuntanza semanal do Goberno galego que decorreu onte en San Caetano. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alfonso Rueda, á dereita, encabezando a xuntanza semanal do Goberno galego que decorreu onte en San Caetano. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente galego, Alfonso Rueda, avalou a xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Estrella López-Pardo, no epicentro do debate político desde que a fin de semana afirmara nunha entrevista que a poboación galega "ten que entender" que "non pode haber un pediatra en cada centro de saúde". Preguntado pola prensa sobre estas declaracións na súa comparecencia desta quinta feira após o Consello da Xunta, Rueda amparou a xerente —"non é a opinión do Sergas, é a da maioría dos pediatras galegos"—, para concluír dicindo, a respecto da afirmación da responsábel do Sergas, "estou de acordo".

 O presidente incluso afirmou que "o importante [para a xente] é a calidade asistencial" que se preste, máis que a "proximidade". "Oxalá houbese pediatras abondo mais non os hai", afirmou, para engadir a seguir que na Galiza "90% das prazas de pediatría están cubertas por pediatras", o que non acontece, asegurou, noutras comunidades.

Mais o mapa desta especialidade na Galiza complétase con outros datos, como as 7.700 crianzas galegas sen profesional de pediatría asignado, que o número de profesionais desta especialidade descendeu en 22,5% desde 2009, ou que 192 concellos carecen deste servizo.

Recurso

Na súa comparecencia, Rueda tamén informou de que o Goberno galego autorizou o recurso ante o Tribunal Supremo (TS) contra a reforma do regulamento estatal de Costas, co obxectivo de evitar os "efectos negativos" que, baixo o seu punto de vista, supón para particulares e industrias instaladas desde hai "moitos anos" no litoral da Galiza. 

O pasado mes de xullo o Tribunal Constitucional rexeitou o recurso da Xunta para que as concesións privadas de terreos públicos na costa duren máis de 75 anos. Desde colectivos como a Plataforma en defensa da ría (APDR) enmarcan esta dinámica do Goberno galego en "salvar" proxectos como o de Ence na ría de Pontevedra.

Eólicos

Preguntado por Nós Diario sobre se as últimas decisións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) paralizando varios proxectos eólicos na Galiza autorizados pola Xunta van facer reflexionar o Executivo sobre a súa política neste sector, Rueda enmarcou as sentenzas  "dentro da normalidade" e apuntou a que tamén hai resolucións "favorábeis" á Xunta.

Por outra parte, o Consello aprobou a primeira normativa galega de vivendas colaborativas, o modelo de convivencia denominado ‘cohousing’. Deberá albergar un máximo de 150 persoas cunha idade igual ou superior aos 55 anos.“Trátase dunha normativa que regula e define as condicións materiais, arquitectónicas e de persoal en que se desenvolverá esta nova tipoloxía que permite a un grupo de maiores vivir nun mesmo lugar de modo  autónomo e compartir servizos”, explicou Rueda. 

Outra medida aprobada polo Executivo foi a da ampliación do 'Moves III', o programa de incentivos á mobilidade eléctrica, que contará cun total de 40,5 millóns dirixidos a particulares, profesionais autónomos e Pemes; e no que se inclúe a adquisición de vehículos eléctricos.

Unha viaxe a Uruguai e Arxentina con retorno migratorio

Os datos demográficos sobre a Galiza publicados na cuarta feira — os nacementos caen 2,4% até agosto e as defuncións medran 7,8% até setembro— son motivo de "preocupación", sinalou  Alfonso Rueda. Neste sentido, o presidente galego apuntou a que a súa recente viaxe á Arxentina e Uruguai tiña como un dos obxectivos "abrir as portas a toda a xente que queira vir aquí" desde eses países e rachar así a tendencia demográfica negativa. Noutra orde de cuestións, entre as decisións adoptadas esta quinta feira polo Consello da Xunta estivo o visto e prace á Estratexia de xestión do cancro na Galiza 2022-28, que ten entre as súas finalidades chegar con programas de cribado a 100% da poboación albo. O destino de 8,5 millóns de euros a cursos de empregabilidade foi outra das cuestións aprobadas polo Goberno.

Comentarios