O Sergas cobre a ausencia dun médico en Meis prolongando a xornada doutro profesional tres días á semana

O centro de saúde de Meis (Foto: Google Maps).
Conforme á normativa vixente, o Sergas deberá ofertar de novo a cobertura desta praza médica en canto sexa efectiva a xubilación do anterior médico.

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que continúa efectuando xestións para “mellorar” a cobertura de Atención Primaria na localidade de Meis, polo que cobre a ausencia dun médico, que se atopa en período vacacional previo á súa xubilación, cunha prolongación de xornada doutro profesional 3 días á semana.

Nun comunicado, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) explicou que o "déficit" de persoal substituto para cubrir a totalidade das ausencias provocou que a Administración Sanitaria galega siga efectuando xestións administrativas para conseguir profesionais que efectúen coberturas.

No caso de Meis, neste momento a ausencia dun médico estase a cubrir 3 días á semana cunha prolongación de xornada pola mañá.

A normativa

Conforme á normativa vixente, o Sergas ofertará de novo a cobertura desta praza médica en canto sexa efectiva a xubilación.

Por outra parte, a Xunta explicou que a ausencia provisional doutro médico en Meis é "puntual", xa que se corresponde ao goce de días de libre disposición dun dos traballadores.

Con todo, esta explicación do Sergas non é suficiente para gran parte da veciñanza do municipio que reclama atención médica todos os días da semana.

O Sergas reivindicou o seu "firme compromiso" de que o Concello de Meis conte cun novo centro de saúde dotado cunha maior carteira de servizos sanitarios públicos.