Sanidade pública

O Sergas confía en fechar cedo o acordo co persoal médico para fixar axendas con 40 pacientes diarios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha reunión recente con alcaldes e alcaldesas en Pontevedra. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A proposta trasladada aos sindicatos valora axendas con 33 ocos ordinarios e sete reservados para urxencias ou "forzados".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestou esta segunda feira a intención do Sergas de que o próximo 31 de marzo, cando decorrerá unha nova reunión da Mesa Sectorial, poida acadarse un acordo cos sindicatos sobre as axendas fechadas para o persoal médico de Atención Primaria, con 40 pacientes ao día: 33 ocos ordinarios e sete forzados ou para urxencias.

Tras este encontro no que se abordarán as alegacións presentadas polas organizacións —algunhas mesmo propoñen reducir esta cifra—, Sanidade confía en que esta axenda sexa de aplicación "practicamente inmediata", é dicir, que entraría en vigor xa en abril.

En declaracións aos medios durante unha visita á nova unidade Psiquiátrica Infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o conselleiro lembrou que a proposta con 40 ocos presentouse por primeira vez "hai máis de 15 días" en Mesa Sectorial, dentro das negociacións para estabelecer o plan de ordenación de recursos humanos.

Na próxima reunión deste órgano, prevista para o día 31, abordaranse as alegacións presentadas polos sindicatos, ante as cales as percepcións que ten o Sergas "son boas", afirmou García Comesaña. "Hai unha nova reunión o 31 de marzo para fechar o acordo. Seguimos traballando na liña dos 33 máis sete que dixemos e en facer prolongación da propia cota nunhas condicións determinadas", insistiu.

33 + 7

A proposta trasladada aos sindicatos con 40 ocos estabelece 33 ordinarios máis sete de sobredemanda e forzados —inmediatos ou no día—. Todos eles ordénanse a través do sistema XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) co "obxectivo de fixar a prioridade de atención e as derivacións ás unidades de apoio", tal e como figura no documento.

No caso de superarse este volume de citas "de maneira continuada e durante un tempo", de forma que a demora para obter cita sexa de cinco días ou máis, entran "a reforzar" as "unidades de apoio" como farmacéuticos e facultativos xubilados que presten reforzo, entre outros. Ademais, contémplanse as prolongacións voluntarias das xornadas, de até dúas horas, para atender a propia cota.