Xuízo do Alvia

"Sentirse perto da morte debe indemnizarse de modo diferente". Continúa o Xuízo do Alvia

A sala en que decorre o xuízo do Alvia. (Foto: Nós Diario)
A xuíza Elena Fernández Currás, que desde outubro se encarga do procedemento para determinar as responsabilidades penais e civís polo accidente do tren Alvia, expuxo ás partes un calendario que vai do 20 de xuño ao 27 de xullo para a fase documental, de conclusións e informes.

Esta cuarta feira tivo lugar unha nova sesión da fase civil do xuízo, na cal un médico que declarou como perito durante varias horas advertiu, en termos xerais, que o sufrido polos pacientes aos que viu "é un accidente tremendo" e "non ten nada que ver cun accidente de tráfico ao uso".

"O terror padecido, a angustia, o sentirse perto da morte practicamente todos eles (...) É unha cousa distinta que se debe indemnizar de maneira diferente", expuxo.

Neste sentido, apuntou á existencia de sentenzas relativas a danos sufridos tras catástrofes ou accidentes como o do Costa Concordia "que falan dun dano máis que indemnizar".

O caso do descarrilamento do tren na curva da Grandeira, en Angrois, Compostela, "foi un tema bastante singular por dicilo dunha maneira suave", para este perito.

As conclusións do xuízo, no décimo aniversario do accidente?

A xuíza Elena Fernández Currás, que desde outubro se encarga do procedemento para determinar as responsabilidades penais e civís polo accidente do tren Alvia, expuxo ás partes un calendario que vai do 20 de xuño ao 27 de xullo para a fase documental, de conclusións e informes.

Desta maneira, de confirmarse este plan, que polo momento non recibiu alegacións, o xuízo afrontaría a súa parte final en pleno décimo aniversario da traxedia, que aconteceu o 24 de xullo de 2013.

De acordo coa providencia, o 20 de xuño está marcado pola maxistrada para documental e conclusións, con "necesidade de asistencia de todas as partes".

Esta xornada, fiscal, acusacións populares e defensas deberán comunicar se manteñen ou modifican o trasladado no seu día.

Respecto diso, Fiscalía e a plataforma de vítimas piden catro anos de cárcere para cada un dos dous acusados, o ex director de seguridade de Adif e o maquinista.

Pola súa parte, as defensas rexeitan responsabilidades e piden a libre absolución.

O día seguinte, 21 de xuño, daría comezo a exposición de informes, unha especie de resumo da proba, na cal habitualmente o Ministerio Fiscal é máis conciso pero na cal os avogados das partes adoitan estenderse máis.

O representante do Ministerio Público e as acusacións populares (Apafas e a plataforma de vítimas) serán os primeiros en presentar estes informes.

A continuación hai datas fixadas para diversos grupos de letrados os días 22, 27, 28 e 29 de xuño, así como o 4, 5, 6, 11, 12, 13 e 18 de xullo.

O 19 de xullo chegaría a quenda do representante do outro maquinista que viaxaba no Alvia e o actor civil; o 20 de xullo, os de Adif e Renfe; o 26 de xullo (pasado o aniversario), os das aseguradoras de Adif (Allianz) e Renfe (QBE) e o 27 de xullo, os das defensas dos acusados.

De manterse este calendario, que podería mudarse por alegacións pero tamén se algunha das xornadas se prolonga máis ou menos do previsto, o 27 de xullo os acusados poderán facer uso do seu dereito para pronunciar a última palabra.