O sentimento de soidade aumenta nas festas de Nadal

As persoas maiores son as que máis experimentan a sensación de soidade. (R.D.F.)
A falta de compañía comporta consecuencias físicas e psicolóxicas, sobre todo para as persoas maiores.

285.400 galegas e galegos vivían sós en 2021, unha cifra que continúa aumentando cada ano, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Na época do Nadal, marcada polas reunións e os reencontros, o sentimento de soidade tende a agudizarse naquelas persoas que, por diversas razóns, non poden pasar as festas en compañía.

A médica psiquiátrica no Sergas Iria Veiga explica a este xornal que "somos seres sociais", polo que a soidade, cando é unha situación prolongada no tempo e non buscada polo individuo, “non é o estado natural do noso cerebro". A psicóloga Paula Martínez, do Colexio de Psicoloxía da Galiza, sostén ao respecto que “o sentimento de pertenza a unha familia, a un grupo, a unha comunidade é unha faceta fundamental do noso auto concepto. Cando experimentamos a soidade, a nosa sensación de satisfacción persoal diminúe intensamente, chegando a danar a nosa autoimaxe”.

A soidade é un dos principais motivos de estrés que repercute no estado físico e mental das persoas. Nesta liña, a psicoxeriatra Guadalupe Oroña indica que, en canto ás consecuencias físicas, a soidade provoca que as persoas que a experimentan se alimenten peor, saian menos á rúa, teñan unha peor calidade do sono e poidan desenvolver diferentes enfermidades. “A nivel psicolóxico, as persoas que viven soas poden desenvolver un deterioro cognitivo, problemas como a depresión ou ansiedade, unha menor autoestima ou o sentimento de abandono”. 

O grupo de idade que máis experimenta a soidade é no que se encontran as persoas maiores debido aos cambios nas estruturas familiares. Oroña e Veiga afirman que antes nunha casa convivían distintas xeracións dunha familia, mentres que agora resultan máis nucleares. “Téñense menos fillos e cada membro fai a súa vida de forma individual, o que agudiza a soidade real das persoas”, di Oroña. “Mais non é só a familiar, a vida comunitaria tamén mudou, antes era máis habitual ter un maior contacto coa veciñanza, agora relacionámonos menos en xeral”. Se ben estes cambios afectan o conxunto da sociedade, as persoas de maior idade vense máis prexudicadas polos problemas de saúde, as complicacións nas relacións sociais e o menor dominio das novas tecnoloxías.

A sensación de abandono e a perda de autoestima

Neste contexto, o Nadal provoca un maior impacto da soidade nas persoas. “Pode aumentar o sentimento de abandono, a tristeza, e a sensación de culpa” que leva moitos individuos a responsabilizarse da súa propia soidade. “É unha época na que o sentimento emocional de soidade, é dicir, non só estar só senón sentirse só, se agudiza”, explica Oroña. Martínez engade ao respecto que o feito de non poder cumprir as expectativas que envolven o Nadal crea unha gran frustración.

As tres psicólogas recomendan ás persoas que están a pasar este Nadal soas que intenten non illarse. “Calquera actividade social que permita relacionarnos con outros pode paliar a sensación de soidade”, salienta Veiga, ao que Oroña engade que “calquera acto é positivo, como saír a mercar ou falar con algún veciño”. Ademais, Martínez opina que “tender á individualidade non é un avance do mundo moderno, senón unha involución” que acabará “provocando máis trastornos mentais nas persoas”.

Programas para evitar a soidade

Neste contexto, numerosas asociacións levan a cabo diversos programas para que as persoas que viven soas poidan ter un maior contacto social, sobre todo nestas datas de Nadal. A Fundación Amigos da Galiza, por exemplo, conta coa súa programación Mellor Acompañad@, dirixido ás persoas maiores que viven en situación de soidade. Esta inciativa proporciona apoio psicolóxico ás persoas que o precisan e fomenta un envellecemeto activo, así como a súa sociabilización e dixitalización. Como explican desde a Fundación a Nós Diario, este programa estase a desenvolver en colaboración cos servizos sociais dos concellos galegos e asociacións veciñais.