Da festa comunitaria á soidade da aldea

Do pasado ao presente, da vida comunitaria ao abandono do rural. Neste diálogo transita 'Da túa man para a miña', a exposición na que Fran Rodríguez (1998, Traspielas, Fornelos de Montes) reflexiona sobre o retrato dun tempo que xa non existe mais que pervive na memoria de quen o habitou.
Unha das fotografías da exposición.
photo_camera Unha das fotografías da exposición.

A imaxe dun home xa vello sentado na súa cama co torso espido debuxado coas marcas do paso do tempo e o sol nos brazos e pescozo é a metáfora da soidade coa que Fran Rodríguez abre a exposición Da túa man para a miña que se pode visitar na Zona "C" de Santiago de Compostela. 

 A memoria da vida comunitaria en confronto coa soidade do mundo rural en proceso de desaparición dialogan na exposición de Fran Rodríguez que leva ao centro de Compostela -no edificio da Praza do Pan que albergou no pasado o Concello-  o presente e a memoria da súa aldea de Traspielas (Fornelos de Montes). 

O artista constrúe nas distintas salas do edificio un discurso que foxe da nostalxia e procura reflexionar sobre a perda dun tempo que xa non existe mais que perdura na memoria de toda a xa pouca veciñanza da súa aldea de Traspielas. Mais Fran Rodríguez non o fai desde a distancia do artista, mergúllase e retrata o seu mundo, a herdanza de memoria que recibe no seu territorio de afectos, no lugar de orixe en que a pegada comunitaria se mestura cos recordos familiares e persoais, no espazo en que o autor se marabilla coa paisaxe que tanto quere e coas persoas ás que devolve o afecto coa súa cámara. 

Desta maneira, Da túa man para a miña é un diálogo constante, nas fotografías de Fran Rodríguez nas que se aprecia a proximidade que mantén coas persoas retratadas, na relación das veciñas e veciños coa paisaxe construída coas súas mans, na terra con quen a traballa... e tamén, do presente co pasado que, dalgunha maneira, é a trabe que sostén aínda a vida da aldea. 

 Por iso, as fotografías retratan a Traspielas de hoxe, esa aldea na que apenas residen unhas cantas persoas durante todo o ano, a través da paisaxe e deses homes e mulleres que non se preparan para a fotografía, que se deixan captar polo obxectivo de Fran Rodríguez tal e como son, cos seus dentes caídos, as súas mans avellentadas ou os seus mandís de traballo. Mais, xunto esas imaxes, o autor procurou a memoria do pasado, a historia que fala doutra aldea, a que marchaba á emigración a Brasil mais tamén a que se xuntaba para defender os seus intereses ou para os seráns que toda a veciñanza lembra cun sorriso nos beizos. 

O fío que alimenta a obra

Por iso, ademais das fotografías de Fran Rodríguez, unha das salas dedícase a mostrar documentación do pasado de Traspielas, o tempo do que proveñen as persoas protagonistas das imaxes do artista, do que poden falar porque o viviron e aínda o lembran, con tristeza ou con alegría. Imaxes antigas que se gardaron nas casas particulares, documentos que falan da emigración, postais enviadas desde o Pará ou algún carné de identidade que, afeito a outras realidades, identifica a parroquia como "rúa".  Imaxes que gardan un aquel triste que se contaxia na mostra, unha mágoa polas persoas que tiveron que marchar, polas que se foron de Traspielas e de tantas aldeas que foron baleiradas en barcos que atravesaban o océano. Cada peza, cada pequeno documento, garda unha historia de persoas ás que, dalgunha maneira, Fran Rodríguez homenaxea na súa exposición, pasando a formar parte deste proxecto creativo que é Da túa man para a miña

Mais a soidade deses documentos que relatan a emigración, confróntase de novo coas tres pezas audiovisuais gravadas por Luz Pombo -tía do artista- por volta dos anos oitenta que evocan o pasado comunitario, o encontro da veciñanza en actos festivos pola festa, polo serán ou reivindicativos, nun acontecemento que remexeu a aldea e do que gardan aínda boa lembranza. Trátase do momento en que, fundamentalmente as mulleres, fecharon nun cerrado os cabalos que baixaban do monte e ameazaban as súas leiras para esixir o pago dos prexuízos aos propietarios, nunha lea da que sairía triunfadora a parroquia enteira, como tiña que ser.  

Se algo fica á vista en Da túa man para a miña é que o seu autor, Fran Rodríguez -un dos máis novos- non se distancia do seu territorio de afectos. Ben ao contrario, mergúllase nel para, con respecto e vontade de recuperar a pegada no tempo, convertelo en trabe da súa obra. Na mesma liña que Su Garrido -a súa curmá que actuou na inauguración da mostra- incorpora as cantigas da avoa no seu repertorio para tecer un fío creativo que, non hai dúbida, seguirá alimentando as súas contemporáneas obras. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios