Unha sentenza europea abre a porta a anular a prórroga da concesión da AP-9

A autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela. (Foto: Arxina)
Un veredicto da Xustiza europea obrigou o Goberno italiano a licitar de novo a concesión dunha autoestrada que pasou de mans públicas a privadas.

A asociación de persoas consumidoras En-Colectivo vén de defender que sería de aplicación para o caso da autoestrada AP-9 unha sentenza da Xustiza europea que se refire a unha situación moi semellante que se produciu en Italia.

O paso a mans privadas constitúe unha "modificación fundamental" do contrato, sostén a Xustiza europea

Así, un recente veredicto do Tribunal de Xustiza da Unión Europea estabelece que cando un contrato público do que é titular unha sociedade pública é transmitido a outro operador económico independente á Administración, constitúe o cambio dunha condición fundamental do contrato, polo que se require a convocatoria dunha nova licitación.

O Estado italiano ampliara o prazo dunha concesión porque a empresa adxudicataria era pública. Porén, máis tarde esa compañía foi vendida a mans privadas, polo que agora a Xustiza europea di que tería que volverse licitar.

Para En-Colectivo, esta resolución reforza a súa denuncia realizada en xullo de 2019 perante a Comisión Europea, que xa ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da normativa comunitaria pola prórroga e modificación do contrato de concesión da AP-9.

"O Goberno concedeu estas prórrogas cando as accións de Audasa eran propiedade do Estado, que estaba a xestionar un servizo da súa titularidade, pero pouco despois de conceder a segunda prórroga, que comezará o próximo ano e durará até 2048, a Administración estatal vendeu as accións de Audasa a capital privado", explicou a asociación.

Do mesmo modo, sostén que "o feito de que o Tribunal ditase esta sentenza é unha gran noticia para todos os galegos e fai que cada día Galiza estea máis perto de conseguir que rematen os abusos e de lograr unha autoestrada gratuíta", reivindicou En-Colectivo.