Unha sentenza impide á Xunta exixir o reintegro da Risga ás persoas que tamén percibiron o IMV

Mobilización a prol de aumentar as prestacións sociais na Galiza, organizada polo colectivo Os Ninguéns de Vigo, en marzo de 2021 (Foto: Cedida).
Un Xulgado de Vigo estima a demanda dunha persoa beneficiaria da Risga á que a Xunta pedía devolver os 4.538,68 euros correspondentes aos meses nos que percibiu tanto esta prestación como o Ingreso Mínimo Vital.

En maio de 2021, a Xunta da Galiza advertiu por escrito ás persoas que nos últimos meses percibiran tanto o importe da Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) que, por mor da "incompatibilidade" das axudas, poderían ter que devolver os cartos correspondentes á prestación galega.

O Goberno xustificaba esta medida alegando que, ante os atrasos na resolución das peticións do IMV, a Xunta seguiu aboando a Risga a todas as persoas beneficiarias "para que non quedasen sen ningún ingreso", mais o Estado desembolsou despois de forma retroactiva todas as mensualidades desde que a persoa formulase a petición até que esta fose resolta. Esta decisión afectaría perto de 2.000 galegos e galegas, que nalgúns casos poderían chegar a contraer débedas superiores aos 3.000 euros coa Administración.

Moitas das persoas afectadas recorreron esta medida ante a Xustiza, e o Xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Vigo vén de pronunciarse ao seu favor a través dunha sentenza á que tivo acceso Nós Diario.

A persoa demandante, segundo recolle o fallo, recibira unha desestimación por parte da dirección xeral de Inclusión Social da Xunta sobre o seu recurso de alzada fronte á resolución do Goberno galego que o obrigaba a desembolsar as mensualidades da Risga percibidas nos períodos cubertos tamén polo IMV, unha contía total de 4.538,68 euros correspondente aos meses comprendidos entre xullo de 2020 e maio de 2021.

O tribunal, por unha parte, recoñece a incompatibilidade de ambas as prestacións, amparando a decisión da Xunta de suprimir o dereito a percibir a Risga se xa foi concedido o IMV.

Porén, matiza: "O que non resulta procedente é o efecto que se lle engade á decisión de extinción. Facendo abstración da circunstancia de que no procedemento administrativo de revisión omitiuse o trámite de audiencia do interesado, a realidade é que a causa última pola que se decidiu a extinción non descansaba na consideración dunha intención defraudatoria por parte do beneficiario, senón na obxectiva de incompatibilidade".

Neste senso, lembra que a Lei 10/2013, de inclusión social da Galiza —reguladora da Risga— estabelece que o reintegro das contías indebidamente percibidas só procederá "no suposto de ocultación ou falseamento de datos" ou "calquera outra actuación fraudulenta dirixida a obter ou conservar a prestación económica".

Mais cando "por causas non imputábeis" á persoa beneficiaria se perciban contías ás que non se tivese dereito, salienta o fallo xudicial, "aplicarase a compensación como procedemento ordinario de regularización".

"Partindo da ausencia de mala fe, cómpre acudir ao mecanismo da compensación exclusivamente. [...] Non procede atender á viabilidade dunha eventual condonación porque, coa regulación vixente, esta opera con carácter excepcional e só no suposto de existencia de menores na unidade de convivencia, o que non acontece neste caso", engade.

Sexa como for, o Xulgado estima parcialmente a demanda e declara contraria ao ordenamento xurídico a obriga de reintegro. Contra esta sentenza non cabe presentar recurso ordinario ningún.