Urxen mudar a Lei de Inclusión para adaptar a Risga ao Ingreso Mínimo Vital

O anuncio da Xunta de que habilitará mecanismos para perdoar total ou parcialmente a “débeda” das persoas que tiveron ambos subsídios a un tempo impulsou a CCOO a exixir que a medida se tome canto antes.
A pandemia ten disparado as desigualdades na Galiza. (Foto: Nós Diario) #desigualdadesocial #desigualdade #pandemia #salarios #pobreza
photo_camera A pandemia ten disparado as desigualdades na Galiza. (Foto: Nós Diario)

CCOO urxe modificar a Lei de inclusión da Galiza para adaptar a Renda de Inserción Social (Risga) ao Ingreso Mínimo Vital (IMV). Ante o anuncio da Xunta de que habilitará mecanismos para perdoar total ou parcialmente a “débeda” das persoas que tiveron os dous subsidios, desde este sindicato reprochan que “hai que dar respostas á sociedade e non facer caridade á custa dos problemas das persoas”. 

Por este motivo, a secretaria de Emprego, Política Social e Políticas Públicas de Protección de CCOO, Maica Bouza, lembra que hai xa un ano que se aprobou o IMV. “Aínda recoñecendo que non cobre as nosas expectativas, a Xunta perdeu un ano sen modificar a Lei de Inclusión, impedindo que os dous subsidios fosen compatíbeis”, critica a sindicalista. 

Alén diso, CCOO esíxelle á Xunta que os recursos que non se destinen á Risga vaian cara a outras políticas sociais que conten co visto e prace do Consello Galego de Benestar Social. 

Falece Xaquín Álvarez Corbacho

Desde CCOO amosaron tamén o seu pesar polo falecemento, aos 79 anos, de Xaquín Álvarez Corbacho, colaborador “moi activo” do sindicato e da Fundación 10 de Marzo durante décadas.

Doutor en Ciencias Económicas pola USC, Xaquín “sempre puxo desinteresadamente o seu coñecemento e prestixio académico a disposición do sindicato e da sociedade galega”, salientan desde o sindicato. 

Foi o primeiro alcalde da democrático no Grove, polo Partido Comunista da Galiza (PCG), desde o ano 1979 até 1981. Conseguiu a cátedra de Facenda Pública da USC, da cal sería vicerreitor de Asuntos Económicos.

Posteriormente, exerceu a súa tarefa docente na UDC como catedrático de Economía Aplicada. En 2013 foi distinguido cun dos Premios 10 de Marzo á súa traxectoria.

Comentarios