Social

Segundo positivo na residencia da Xunta habilitada en Nigrán para maiores sen COVID-19

(FB residencia)
A residencia de tempo libre da Xunta en Nigrán rexistra un segundo caso positivo dunha residente que tamén viña da residencia O Barreiro da empresa DomusVi. 

A residencia de tempo libre da Xunta en Patos, Nigrán, habilitada estes días para reacoller a usuarias de centros xeriátricos que estean libres de coronavirus, rexistrou un segundo caso positivo por COVID-19, segundo confirmaron fontes da Administración.

Así, unha segunda muller, tamén procedente da residencia DomusVi do barrio vigués de Barreiro, e que fora trasladada a Nigrán, deu positivo por COVID-19, e será trasladada novamente á residencia O Barreiro, xa que o seu estado non require ingreso hospitalario.

Esta residencia de Nigrán foi habilitada para reacoller aos usuarios sans dos centros DomusVi de Cangas e de O Barreiro, ambos intervidos polo Goberno galego. Até ese centro trasladouse a 22 persoas maiores procedentes destas dúas residencias, ás que previamente se lles realizaron diversas probas para corroborar que estaban libres do coronavirus.

A ese respecto, a Administración galega lembrou que cada unha das residentes trasladas a Nigrán foron sometidas a tres probas (dúas PCR e unha de anticorpos) e todas deron negativo, o mesmo que as traballadoras do centro de Patos.

Dous positivos

Nas últimas horas, unha muller procedente da residencia DomusVi O Barreiro xa fora trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, despois de que se lle realizaron novas probas (que confirmaron o positivo en COVID-19), logo de ter síntomas respiratorios.

As dúas afectadas residían neste centro da empresa DomusVi en Vigo e foron illadas xa na residencia de Nigrán, onde hai seis habitacións preparadas para continxencias deste tipo, segundo confirmaron fontes da Xunta.

As mesmas fontes precisaron que "tanto os usuarios como o persoal da residencia de Patos seguen estritamente todos os protocolos de protección, limpeza e distancia recomendados polas autoridades sanitarias".