UNHA VINTENA DE LUMES EN GALIZA EN 24 HORAS

Segunda noite de loita contra o lume en Rianxo

Imaxe: @aleexgarcia

Mantense o nivel 2 de alerta no incendio máis devastador dos últimos meses. As lapas chegaron a estar moi perto das casas en núcleos da parroquia de Leiro. Os brigadistas traballaron durante toda a noite. A situación mellorou nestas horas a respecto do que se viviu de día, nunha xornada na que en menos de 24 horas houbo unha vintena de incendios en Galiza.

Trinta e seis horas despois do seu inicio, o incendio de Dodro-Rianxo continúa activo. Queimou xa centos de hectáreas, obrigou cortar estrada comarcal e Autovía do Barbanza, as lapas chegaron a estar moi perto das casas en lugares da parroquia de Leiro. En Burés e Rianxiño, recomendouse saír das casas polo intenso fume, e evacuouse unha escola e o instituto. Porén, nas últimas horas, a situación tendeu a mellorar levemente após, durante horas, o lume estar sen control. A media tarde desta terza feira o lume queimara máis de 850 hectáreas.

 

Durante a noite brigadistas e efectivos de emerxencias implicáronse a fondo para combater as lapas e evitar que estas avanzasen, tarefa na que tamén se implicaron veciños e veciñas. Centráronse en conter o lume no perímetro e en tentar ir atacando o mesmo ao tempo que se vixiaba que non volvese xurdir naqueles puntos onde se extinguira. A imposibilidade, durante as horas da noite, de que actúen medios aéreos obrigou os medios terrestres a empregarse a fondo. A principal preocupación continúa a ser o vento, que segue a soprar con forza se ben as previsións apuntan a que pode amainar nas vindeiras horas

 

Novos incendios

 

Nestas horas tamén estaba activo no Barco de Valdeorras un lume que levou perigo ás casas, con dous focos nas parroquias de Santigoso e Santa Mariña. Outro lume declarábase na veciña localidade de Vilamartín de Valdeorras, na parroquia de Valencia do Sil.