Un incendio activo e sen control queimou xa máis de 550 hectáreas en Rianxo e Dodro

Imaxe: J.S.

Incendios na contorna da Serra da Barbanza: en Rianxo, Noia, Lousame... O máis grande, en Rianxo, iniciouse a última hora da tarde da segunda feira no concello de Dodro e obrigou a cortar durante varias horas o tráfico pola estrada comarcal e tamén puntualmente a Autovía do Barbanza. Activado o Nivel 2 pola cercanía a núcleos poboados. Os fortes ventos do nordés dificultan a extinción e os traballos céntranse en evitar que as lapas se acheguen a puntos habitados. Xa queimou 550 hectáreas. 

Máis de 550 hectáreas levaba arrasadas a media mañá o incendio que se iniciou a última hora da tarde da segunda feira en Bexo, no concello de Dodro, para axiña pasar ao municipio de Rianxo. O lume orixinouse perto dunha liña de alta tensión, segundo a Policía Local, e o forte vento nordés dificulta as tarefas de extinción e creou varios focos secundarios. Até o lugar do incendio desprazáronse bombeiros e integrantes do distrito forestal, a Garda Civil, Protección Civil e integrantes da Policía Local. No lugar traballan 12 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas e 2 pas. Co día sumáronse varios helicópteros e proximamente farano 2 avións.

 

Solicitouse perto do mediodía desta terza feira a declaración de nivel 2 por proximidade ao núcleo de Meiquiz, e procedeuse a activalo. Mobilizados medios aéreos para actuar neste incendio, así como a Unidade Militar de Emerxencias. A maior preocupación é que o lume non chegue ás casas. 

 

 

 

As lapas obrigaron a cortar ao tráfico unha parte da estrada comarcal 305 ao paso por Bexo e desviar o tráfico pola autovía da Barbanza. Esta autovía tamén sufriu cortes puntuais. Esta zona entre Bexo (Dodro) e Burés (Rianxo), inzanda de eucaliptos, ten sido arrasada polas lapas xa en anteriores ocasións, como nos grandes lumes de 2006.

 

Este non é o único incendio que nestas horas se deu nesta zona. Hai un incendio forestal no concello de Noia, parroquia de Argalo. Segundo as primeiras estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 20 ha. Tamén hai un lume activo no concello de Lousame, parroquia de Tállara. Segundo as primeiras estimaciòns provisionais, afecta unha superficie de arredor de 40 ha. O incendio iniciouse en tres focos distintos.

 

Continúa activo tamén o incendio na parroquia do Freixo, nas Pontes, e que calcinou máis de 20 hectáreas.

 

 A Xunta vén de suspender as queimas e os permisos anteriormente concedidos, mentres que a Axencia Estatal de Meteoroloxía advirte do "risco extremo" de incendios en zonas costeiras da Galiza polos fortes ventos e polas temperaturas en ascenso que se prevén para a terza feira, 26 de marzo.

 

Desde CCOO denúnciase que a "improvisación" é a única política da Xunta contra os incendios forestais. "Malia que levamos xa dúas semanas de elevadas temperaturas para esta época do ano e baixas precipitacións, a Administración autonómica agardou ata o 24 de marzo para decretar a prohibición de queimas e outras actividades similares, que se fixo efectiva o luns".