Decretado Nivel 2 en Rianxo

Máis de 850 hectáreas queimadas en 20 horas de incendio sen control

O incendio orixinado a última hora da tarde da segunda feira no concello de Dodro e que se extendeu a Rianxo obrigou desaloxar un colexio e un instituto. Varios veciños e veciñas abandonan as súas causas por precaución e por mor do fume. Activado o Nivel 2 pola proximidade das lapas a núcleos poboados. Os fortes ventos do nordés dificultan a extinción.

Entre as oito da tarde deste luns e as catro da tarde de hoxe, día 26, as lapas arrasaron en Dodro e Rianxo máis de 850 hectáreas. Un incendio que avanza a un ritmo trepidante: a primeira hora da mañá queimara 200 hectáreas, a media mañá 400, cara á unha da tarde 550 e antes das catro xa arrasara 750. O forte vento do nrdés, que se mantén entre 80 e máis de 100 quilómetros hora, explica en boa medida a propagación deste lume, así como que a zona afectada sexa monte poboado na súa gran maioría por eucaliptos.

 

A ameaza das lapas e fume obrigou evacuar por precaución o instituto Félix Muriel de Rianxo e a escola unitaria de Rañó, ademais de que varios veciños e veciñas optaron tamén por deixar as súas casas. A Autovía do Barbanza tivo cortado o seu carril dereito ao seu paso por Rianxo. Antes, a estrada comarcal sufrira varias horas de cortes ao tráfico. O satélite Terra da Nasa fotagrofiou o incendio de Rianxo, cunha gran columna de fume entrando no Atlántico.

Máis de 200 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias están actuando contra o incendio. No control do lume traballan, segundo a Xunta, 4 avións e 7 helicópteros, ademais dos medios terrestres: motobombas, brigadas, pas...

 

Veciños de Rianxo confesan a Sermos Galiza que a preocupación é máxima pois o incendio continúa activo e sen control. Lembran que esta situación non é nova e repítese cada poucos anos. "Dentro de dous ou tres anos volverémola padecer", vaticinan.

 

 

“A situación está fastidiada”, recoñece o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, en conversa con Sermos Galiza. O incendio orixinado sobre as oito da tarde desta segunda feira en Dodro e que se estendeu a Rianxo queimou xa máis de 750 hectáreas e continúa avanzando, sen control. “Hai lume perto da escola de Leiro, chega até a canteira de Rianxiño e tamén en Burés”, describe o rexedor rianxeiro, do BNG, para describir a gran estensión do lume: “son moitos quilómetros ardendo”. A proximidade das lapas obrigou evacuar o instituto Félix Muriel.

 

Muiños informa que hai varios focos activos e que non están controlados. Medios? “Hainos pero con este vento...”, apunta. Luís Ordóñez, veciño de Rianxo, afirma en conversa con Sermos que “isto é dantesco”, indicando que “hai moito fume” e lamentando que cada poucos anos esa zona entre Rianxo e Dodro volva arder: “É todo eucalipto”.