“Isto é dantesco”: O incendio de Rianxo continúa sen control após arrasar 750 hectáreas

Imaxe: J.S.

O incendio orixinado a última hora da tarde da segunda feira no concello de Dodro e que se estendeu a Rianxo continúa, 18 horas despois, activo e sen controlar. Activado o Nivel 2 pola cercanía a núcleos poboados. Os fortes ventos do nordés dificultan a extinción e os traballos céntranse en evitar que as lapas se acheguen a puntos habitados. O alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, recoñece que a situación é “moi complicada”. A proximidade das lapas obriga evacuar o instituto

“A situación está fastidiada”, recoñece o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, en conversa con Sermos Galiza. O incendio orixinado sobre as oito da tarde desta segunda feira en Dodro e que se estendeu a Rianxo queimou xa máis de 750 hectáreas e continúa avanzando, sen control. “Hai lume perto da escola de Leiro, chega até a canteira de Rianxiño e tamén en Burés”, describe o rexedor rianxeiro, do BNG, para describir a gran estensión do lume: “son moitos quilómetros ardendo”. A proximidade das lapas obrigou evacuar o instituto Félix Muriel.

 

Muiños informa que hai varios focos activos e que non están controlados. Medios? “Hainos pero con este vento...”, apunta. Luís Ordóñez, veciño de Rianxo, afirma en conversa con Sermos que “isto é dantesco”, indicando que “hai moito fume” e lamentando que cada poucos anos esa zona entre Rianxo e Dodro volva arder: “É todo eucalipto”. 

 

 

"O lume vai cara a costa. Houbo un invernadoiro con problemas. Non sei que pode pasar, pero segue habendo moito vento. Acabamos de sufocar un incendio moi próximo a unhas casas", conta o vocal da Comunidade de Montes de Leiro-Rianxo ao Galicia por Diante da Radio Galega.

 

O lume orixinouse perto dunha liña de alta tensión, segundo a Policía Local, e o forte vento nordés dificulta as tarefas de extinción e creou varios focos secundarios. Até o lugar do incendio desprazáronse bombeiros e integrantes do distrito forestal, a Garda Civil, Protección Civil e integrantes da Policía Local. No lugar traballan 12 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas e 2 pas. Co día sumáronse varios helicópteros e tamén 2 avións.

 

Solicitouse perto do mediodía desta terza feira a declaración de nivel 2 por proximidade ao núcleo de Meiquiz, e procedeuse a activalo. Mobilizados medios aéreos para actuar neste incendio, así como a Unidade Militar de Emerxencias. A maior preocupación é que o lume non chegue ás casas. 

As lapas obrigaron a cortar ao tráfico unha parte da estrada comarcal 305 ao paso por Bexo e desviar o tráfico pola autovía da Barbanza. Esta autovía tamén sufriu cortes puntuais. Esta zona entre Bexo (Dodro) e Burés (Rianxo), inzanda de eucaliptos, ten sido arrasada polas lapas xa en anteriores ocasións, como nos grandes lumes de 2006.

 

Fotos: J.S e R.S.