"Seguiremos no hospital até que reabran o paridoiro"

Peche no Hospital de Verín polo traslado do paridoiro (Imaxe: Europa Press)
Desde que se anunciou o traslado do servizo de partos e das urxencias pediátricas do Hospital de Verín a Ourense a veciñanza da comarca de Monterrei mantense en pé de loita. Paralelamente profesionais sanitarios rebaten os argumentos da Xunta de Galiza , afirmando que o número de partos dun territorio non garda relación coa súa calidade asistencial ou coa dos profesionais do servizo.

Esta terza feira traballadoras e veciñanza tomaron a decisión de pecharse “indefinidamente” nas instalacións do Hospital de Verín. Farano até que a Consellaría de Sanidade reverta o traslado do servizo de partos e de urxencias pediátricas a Ourense, efectivo desde o 1 de decembro. Antes do peche unha mobilización concentrou o sábado máis de 15.000 persoas na vila do Támega ao berro de “Verín non se pecha” e “Morre o rural, e máis sen hospital”. O 4 de decembro a Marcha Mundial das Mulleres convocou novas mobilizacións por todas as cidades e vilas galegas na defensa da continuidade do servizo.

O titular de sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, mantivo unha xuntanza na segunda feira con representantes do cadro de persoal de Verín, a plataforma pola Defensa da Sanidade na Comarca de Monterrei e cunha nai embarazada. “Fomos coa pequena esperanza de que nos dixese que darían marcha atrás a este sensentido, mais reafirmouse nos mesmos argumentos, a pesar de que foron rebatidos”, explica a voceira da plataforma Aurora Solas a Sermos Galiza.

A liña argumental de Almuíña é a mesma seguida polo presidente da Xunta da Galiza, Alberte Núñez Feixoo, ou polo xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial: o descenso no número de partos, 89 o pasado ano e 48 no actual, supón unha “falta de seguridade” na atención ás mulleres, a raíz da falta de carga laboral do persoal.

Unha decisión política

“Os médicos saben máis que os políticos, se eles mandan nós obedecemos”, mantivo o presidente do Goberno galego. Feixoo sostivo nunha rolda de prensa que “cando un político non quere escoitar as propostas dos médicos está a xogar coa sanidade. E creo que xogar coa saúde e a seguridade das embarazadas e os seus bebés é algo que un político non ten lexitimidade para facer”. Unha valoración que choca coas demandas das mulleres de Verín, da comarca de Monterrei e das adxacentes, que reclamaron “o parto é noso” ante o Hospital de Ourense.

A liña defensiva do Executivo galego e do Sergas tamén atopa voces disidentes entre os propios profesionais sanitarios. Eva Fernández, representante do cadro de persoal, retrúcalle ao presidente. “O peche do paridoiro é unha decisión política, os seus argumentos son mentira. Non contrataron profesionais pediátricos e agora o servizo pecha, e esa mesma dinámica estana seguindo co servizo de quirófano, sen profesionais suficientes e con cirurxías canceladas”, afirma en declaracións a Sermos Galiza.

Alén dos comunicados de colectivos como Enfermeiras en Loita, a Asociación de Matronas Galegas ou os Colexios de Enfermaría de Galiza profesionais individuais partillaron a súa valoración do peche en redes sociais. O xinecólogo do Hospital de Verín, Rogelio Viñán, foi un deles. “A cifra de seiscentos partos que se esgrime como criterio para defender o peche é unha cifra de calidade de xestión e de criterios de atención sanitaria, non se emprega para medir a calidade da atención”, escribe.

“Unha sentenza xudicial obriga desde hai meses os especialistas da Área Sanitaria de Ourense e dos distritos sanitarios a desprazarse polo territorio para cubrir as necesidades de asistencia. A realidade é sinxela e crúa, os adxuntos obrigados por sentenza non queren viaxar de Ourense a Verín. Ante esta situación Xerencia e Consellaría vense obrigadas a tomar a medida, argumentando ante a poboación, sen ningún escrúpulo, que durante os vinte cinco anos que o noso centro leva aberto mantívose un servizo que, din, non cumpre os estándares de calidade”, sinala Viñan na súa publicación.

Taxis sanitarios

As urxencias pediátricas ou os partos únense á lista de servizos afectados polo peche ou o traslado. “O anterior foi o de dermatoloxía; hoxe hai 177 persoas que teñen que acudir a Ourense para pasar consulta á cidade. Moitas son persoas maiores, que non teñen medios propios para desprazarse. Os servizos públicos non sempre cadran cos horarios das consultas e entón hai que pagar o servizo dun taxi, que pode custar até 90 euros”, conta Aurora Solas.

Esta semana, a modo de protesta, as profesionais do Hospital de Verín colocaron carteis nos que ofrecen formación en partos aos servizos de taxi da comarca. Un xeito de recordar aquel pasado no que as crianzas chegaban ao mundo nun coche en movemento. “Abocan as mulleres da comarca de Monterrei a correr o risco de parir na estrada, como moi tristemente poderían contar os traballadores do taxi da comarca de hai trinta anos”, escribe o xinecólogo Rogelio Viñan.

As traballadoras do hospital anuncian que valoran acudir ao Valedor do Pobo. "Esta decisión vulnera os dereitos das mulleres e dos nenos, que a partir das tres da tarde non teñen ningún pediatra en Verín que os atenda Seguiremos no hospital até que reabran o paridoiro", afirman.