Manifestación

Verín, contra o «maltrato sanitario»: «Feixoo escoita, o rural está en loita»

Manifestación en Verín contra o peche de servizos hospitalarios [Europa Press]

Arredor de 5.000 persoas, reuníronse este sábado, 30 de novembro, fronte ao recinto do hospital comarcal de Verín para protestar pola decisión do Sergas de pechar o paridoiro, a partir desta segunda feira, e suprimir o servizo pediátrico.

«Maltrato sanitario do rural», así cualifican os miles de veciños da comarca de Verín e das bisbarras da contorna que este sábado, 30 de novembro, se mobilizaron contra o peche do paridoiro no Hospital de Verín e a supresión do servizo pediátrico.

Desde as 17 horas, arredor de 5.000 persoas, reuníronse fronte ao recinto do hospital comarcal do municipio para mostrar o seu rexeitamento á decisión do Sergas de suprimir, a partir desta segunda feira, 1 de decembro, o servizo de partos.

A manifestación, tal e como explicou aos medios de comunicación a secretaria da Comisión delegada de Verín, Iolanda Domínguez, xa estaba convocada de antes. Non obstante, indicou que o anuncio do paridoiro supuxo «o golpe» definitivo para «saírmos á rúa a denunciar o desmantelamento do noso hospital e de toda a sanidade pública».

«Os servizos públicos básicos non poden rexerse por criterios políticos nin económicos», reiterou Domínguez. «O Sergas non está a ter en conta a distancia, a dispersión nin a idade das nosas veciñas e veciños», engadiu.

Ademais, din temer que a supresión do paridoiro sexa só o comezo e consideraron que de non se frear a situación «axiña seguirán anestesia, cirurxía e outras especialidades».

Peche dentro hospital

Ante a falta de comparecencia, segundo denunciaron, do xerente do hospital de Verín, Miguel Abad, e do conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, reiteraron a súa decisión de iniciar un peche indefinido no hospital, tal e como anunciaran a pasada sexta feira.

«De non existir unha resposta axeitada a esta concorrida manifestación e este domingo pecha o paridoiro e non hai servizo de pediatría, o luns, a partir das 8 horas, estaremos pechados no hospital os traballadores, as nais, os fillos e toda a poboación en xeral», avisou Domínguez.

«Estrangulamento do rural»

«Feixoo escoita, o rural está en loita», foi un dos cánticos que máis se corearon. Porque, precisamente, o «estrangulamento do rural» foi unha dos argumentos comúns a todos os presentes, entre os que estaban números representantes políticos, que tamén coincidiron en denunciar que se trata dun «acto de violencia institucional contra as mulleres».

Entre as formacións representadas, alén de integrantes da Marcha Mundial das Mulleres, estaban todas as da oposición no Parlamento e tamén representantes do PP de distintos Concellos de Verín e das comarcas contorna.