Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía no Hospital de Verín

"O feche do paridoiro é a proba para ver se poden darlle o golpe de morte ao Hospital de Verín"

Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía no Hospital de Verín, esta terza na súa consulta. (Imaxe cedida)
Javier Castrillo (1958, Puebla de Valdavia, Palencia) é xefe do servizo de Xinecoloxía no Hospital de Verín, onde traballa hai dezaoito anos -o centro apenas ten uns poucos máis: foi inaugurado por Fraga en 1994-. Castrillo advirte que detrás de todos os retallos dos últimos anos está a intención velada da Xunta de fechar o Hospital, mais confía en que a mobilización da veciñanza semente as dúbidas entre os responsábeis políticos.

O conselleiro respondeu ao envite. Reuníronse con el en Ourense. Ofreceulles novos argumentos para o feche do paridoiro?
As explicacións do conselleiro foron que fechan o paridoiro por un problema de seguridade. Non hai quen os saque de aí.

Cal é o problema de seguridade que aducen?
Din que pode haber dificultades para atender un neonato con problemas. En fin... mesmo falaron do ambiente, do ecosistema, de todo en xeral. O certo é que non teñen argumentos. Ao principio empezaron aludindo á cuestión da calidade, dicindo que debido ao baixo número de partos ao persoal faltáballe man. Fronte a iso, propuxemos que se estableceran rotacións de médicos, matronas e enfermeiras dentro da área sanitaria de Ourense.  

Hai un problema real de seguridade?
Non.

Daquela...
Os datos perinatais no Hospital de Verín son francamente bos, moi bos. Teremos rexistrados uns 3.000 partos. Non houbo nin unha soa morte fetal intraparto. Nin unha. Complicacións graves en obstetricia, practicamente ningunha. É dicir, non se deron casos dun neonato que tivera que ser atendido por unha patoloxía grave por un mal manexo do parto.

Pode que parir en Verín sexa un luxo. Se esa fose a cuestión, pois que llo expliquen á xente, que lles expliquen se é un luxo sostíbel ou non. Para as usuarias do servizo en Verín pode ser un luxo, o que non é, é un problema.

O baixo número de partos non é un problema?
Non son xestor e non xulgo esa cuestión. Manter un servizo que atenda uns oitenta partos ao ano é un luxo? Pois pode que si. Pode que parir en Verín sexa un luxo. Se esa fose a cuestión, pois que llo expliquen á xente, que lles expliquen se é un luxo sostíbel ou non. Para as usuarias do servizo en Verín pode ser un luxo, o que non é, é un problema. O problema real está noutra parte...

Onde?
En pediatría. Por que? Porque faltan profesionais e, se teñen traballo noutros sitios, non veñen a hospitais comarcais. Faltan incentivos por parte da Administración. En xeral, os profesionais que rematan unha especialidade prefiren quedar no hospital no que se forman. A formación faise en hospitais grandes, a xente quere ficar neles.

Son necesarios os incentivos?
Claro. Porque se non tes algunha motivación persoal ou vínculos familiares para vir ao rural, pois... O que debe facer a Administración é ter visión e ofrecer incentivos. Incentivos laborais ou de promoción, como por exemplo favorecer na puntuación dos distintos concursos de traslados a aqueles profesionais que traballen no rural. 

Faltan pediatras na área de Ourense?
Probabelmente no Hospital de Ourense non. Pero se che din que tes que desprazarte 80 quilómetros para facer as gardas, pois iso é unha faena. 

Mais a realidade da baixada de nacementos está aí.
Certo. Pero sucede en todos os hospitais do Estado. No caso de Ourense, nos catro últimos anos a baixada está ao redor do 40%. E que fai a Administración? Pois sacar partos doutros sitios, como Verín, para manter os números. 

Eu mesmo díxenlle ao xerente de área que lle ía custar convencer a veciñanza diso. Porque, díxenlle, vas ter que convencelos de que por criterios de calidade quitastes o dermatólogo e non se repón, vaise o cirurxián e non se repón, o anestesista e non se repón...

Vostede leva dezaoito anos en Verín, como foi a evolución do Hospital?, ve un intento de desmantelalo, como advirten desde a Plataforma veciñal?
Si. A longo prazo, detrás de todo está a perspectiva de desmantelar o Hospital. O día que nos deron a noticia de que ían fechar o paridoiro e que se fechaba por criterios de calidade, eu mesmo lle dixen ao xerente de área [Félix Rubial] que lle ía custar convencer á veciñanza diso. Porque, díxenlle, vas ter que convencelos de que por criterios de calidade quitastes o dermatólogo e non se repón, vaise o cirurxián e non se repón, o anestesista e no se repón... É dicir, estase deixando caer o hospital.

Pensa que o Sergas pretende fechar o Hospital de Verín?
Si. Cando estea xa en situación agónica, pois daranlle o golpe de morte, a puntilla. O asunto do paridoiro é unha cuestión clave. Mire, con todos os demais servizos que foron retirando non houbo unha mobilización social tan grande. Pero cos partos, si. É un asunto sensíbel. Penso que o feche do paridoiro é a proba para ver se poden darlle o golpe de morte ao Hospital de Verín. Como un test para ver se son quen de fechar todo. Mais resulta que a xente mobilizouse de xeito masivo e terano que pensar...

Despois de falar a segunda feira co conselleiro cre que o van pensar, cando menos no tema do paridoiro?
Penso que si. Aínda que non cedeu en nada e parece que se mantén no feche do paridoiro, creo que a mobilización vai facer que reconsideren a decisión. Teño esa esperanza, claro. Ver saír a rúa a quince ou dezaseis mil persoas, igual fai que pensen nos votos que poden perder e dean marcha atrás.