Sanidade négase a reconsiderar o feche do paridoiro de Verín

Feche esta segunda feira no Hospital de Verín. (Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei)
Persoal do Hospital e veciñanza manteñen o feche nas instalacións do complexo de Verín. As convocadas organízanse para facer quendas tamén de noite e ocupar a zona de dirección sen molestar á parte asistencial.  

A Consellería Sanidade reafírmase na súa decisión de pechar o paridoiro de Verín, mentres que profesionais e membros da comisión do hospital deste concello criticaron, á súa saída dunha reunión co conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, que se "desatenden as súas alternativas" para evitar a clausura da sala.

Un cento de persoas, entre traballadoras e traballadores do hospital e veciñas e veciños que se foron sumando, permaneceron esta segunda feira na zona de dirección do complexo –“a parte do que é a zona asistencial, polo que o servizo non se ve afectado”, puntualiza Sola–. O feche é indefinido. Teñen organizadas quendas. Xantarán e durmirán alí. Mesmo empezaron a recibir “provisións de alimentos” por parte da veciñanza. 

A primeira hora desta segunda feira recibiron ao xerente do Hospital de Verín, Miguel Abad. “Estaba desaparecido”, lembra Aurora Sola, membro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. O conflito medrou durante as últimas semanas, pero Abad seguiu de vacacións. Iso foi o que lle dixeron á Plataforma. “Mentres o seu hospital está a ser desmantelado e as traballadoras e traballadores, en problemas, el non apareceu”, protesta Sola. A xente reunida na zona de dirección lembroulle ao xerente ás consignas cantadas na manifestación do pasado sábado.

A convocatoria do sábado superou as mellores expectativas. Os sindicatos e o persoal, xunto á Plataforma, levan tempo denunciando as políticas do Sergas no que respecta ao Hospital de Verín. Durante o mes de novembro, antes de coñecerse o feche definitivo do paridoiro, informaron ás veciñas do desmantelamento dalgúns servizos.

O Hospital perdeu o servizo de dermatoloxía, o que afecta a uns 1.700 usuarios de toda a comarca. Tamén faltan anestesistas. A Plataforma di que hai xornadas nas que o Hospital conta cun só especialista e non se poden levar adiante operacións. Detrás desta política, a Plataforma ve unha estratexia para cancelar tamén o quirófano e levar o servizo para Ourense ou incidir as derivacións de pacientes ás clínicas privadas da cidade.
 

Detrás da decisión de fechar o paridorio, Aurora Sola ve ademais a intención do Sergas de “evitar o que anunciou o xefe de xinecoloxía do CHUO nunha entrevista este pasado domingo”: se en Ourense tampouco hai nacementos suficientes, acabarán levando todo o servizo para Vigo. “Así que parece que o están a facer e intentar que os números de Ourense non baixen, e fano a costa das nais da comarca de Monterrei”.

O feche de profesionais e usuarios manterase até que non teñan unha resposta precisa sobre as razóns da eliminación de servizos, a posibilidade de recuperalos e o futuro do Hospital de Verín. “Queremos falar co conselleiro en persoa porque xa falamos co xerente da área Ourense, Félix Rubial, e co xerente do Hospital, Miguel Abad, e o que vimos é que eles non recúan”, explica Sola. 

Rubial fora trasladado en xullo desde Vigo, a área na que estoupou a finais do ano pasado o conflito de Atención Primaria.

O líder de En Marea, Luís Villares, anunciou que esta tarde visitará ás profesionais e veciñas fechadas no Hospital.