Seguen as peticións para retomar a busca dos desaparecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Pesqueiro 'Vila de Pitanxo. (Foto: Ministerio de Pesca)
As autoridades canadenses acordaron a suspensión definitiva da busca dos desaparecidos, mentres familiares e achegados piden proseguir coa procura para "poder despedirse".

O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, foi o último en pedir que se retome a busca dos mariñeiros desaparecidos no mar de Terranova tras o naufraxio do barco pesqueiro de Marín 'Vila de Pitanxo', a pasada terza feira, a 450 quilómetros da costa de Canadá.

Touza afirmou que as "prioridades" agora son "apoiar as familias" e "intentar continuar cos traballos de rescate até que humanamente sexa posíbel". Recoñeceu que a decisión das autoridades canadenses de de suspender definitivamente a procura dos 12 mariñeiros foi un "mazazo".

As súas declaracións producíronse após manter unha reunión co ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outros.

O presidente dos armadores de Vigo lembrou que varios dos pesqueiros galegos e portugueses que participaron na busca dos mariñeiros seguen a rastrexar na zona, e agradeceu o seu labor. "A solidariedade da xente do mar quedou absolutamente patente", asegurou Touza.

Peticións de Xunta e BNG

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, manifestou aos medios de comunicación que a Xunta "pediu que se retomen as tarefas de busca. Onte [pola cuarta feira] tiñamos o anuncio de que se podían retomar nas próximas 24 horas e esta mañá trasladámoslle ao Goberno o noso interese de que se retomen cando menos no día de hoxe, e espero que as autoridades canadenses nos dean unha resposta positiva".

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, tamén se posicionou neste mesmo sentido, e instou a retomar a busca outras 24 horas. "Queremos que non quede dúbida ningunha de que se fixo todo o posíbel por esas persoas, sabendo o importante que é para as familias recuperar os corpos para despedir os seus familiares", apuntou.

Polo de agora, o Estado rexeita solicitar unha nova prórroga das tarefas de rescate, xa que, segundo manifestou José Miñóns, a Embaixada do Estado español no Canadá xa fixo "xestións" para que os labores de rastrexo se estendesen até as 36 horas, a pesar de que os protocolos de rescate canadenses, nesa zona e en malas condicións meteorolóxicas e marítimas, non prevén procuras "de máis de 23 horas".

O Goberno de Canadá xustificou a suspensión da operación polos seus protocolos de salvamento, e pola "inviabilidade" de que ninguén sobreviva máis de vinte e catro horas desprotexido no mar de Terranova. O caso pasará agora a mans da policía, pero non se adoptarán máis medidas de busca.

Chegada dos mariñeiros a terra 

Fontes de Salvamento Marítimo confirmaron na mañá desta quinta feira a Nós Diario que os nove corpos atopados dos mariñeiros falecidos, así como os tres sobreviventes do naufraxio do buque 'Vila de Pitanxo', regresarán a terra esta sexta feira.

En concreto, os servizos de rescate de Halifax (JRCC Halifax) confirmaron, alén da suspensión definitiva do operativo de busca, que está prevista a chegada ao porto canadense de Saint John contra as 11 horas —hora da Galiza—, malia que aínda non se determinou cando serán repatriados.

A bordo do 'Praia Menduíña 2', aliás, están os tres mariñeiros rescatados, ao igual que sete dos nove corpos atopados até o momento. Os outros dous repousan no 'Nexus' canadense.

Salvamento Marítimo di non coñecer aínda as causas do sinistro, que se investigará "posteriormente"

A respecto das causas do sinistro, desde Salvamento Marítimo afirman non ter coñecemento de reporte ningún do JRCC Halifax e apuntan que a cuestión se resolverá "posteriormente", cando se inicie unha investigación.