Familiares das vítimas piden "sensibilidade" ao Canadá para retomar a busca e que se esclareza o accidente

Pedro Arana, presidente da Asociación de Peruanos da Galiza, esta quinta feira (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
"Esperabamos máis sensibilidade do Goberno do Canadá. E tamén dos Estados Unidos, que son os países que están máis perto", lamenta Pedro Arana, presidente da Asociación de Peruanos da Galiza.

Familiares de vítimas do naufraxio do pesqueiro galego no Canadá pediron que se continúe cos labores de busca dos doce desaparecidos e que se esclarezan os motivos polos cales o barco afundiu, logo de que as autoridades canadenses desen por finalizadas as tarefas de rastrexo a última hora desta cuarta feira.

En declaracións á axencia Europa Press, Kevin González, fillo de Fernández González, un dun dos mariñeiros desaparecidos, pediu que se continúe coa procura dos corpos. "Sabemos que é complicado, mais queremos que siga a busca", reivindicou.

Tamén lamentou que "ninguén" se puxo en contacto coas familias para informalas deste cambio de plans das autoridades canadenses, polo que pide que se lles chame para explicarlles "que se está facendo e que se vai facer". Ademais, solicitou que se esclarezan os feitos e se determine que pasou para que o barco afundise.

Agardaban "máis sensibilidade" do Goberno canadense

Na mesma liña falou o presidente da Asociación de Peruanos da Galiza, Pedro Arana, quen se reuniu esta quinta feira co alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como con familiares de vítimas e co cónsul adscrito do Perú en Barcelona, Joe Torres, e o conselleiro de Asuntos Políticos da embaixada do Perú no Estado español, Julio Ubillus.

Arana trasladou a "tristura" das familias pola finalización dos labores de busca. "Esperabamos máis sensibilidade do Goberno do Canadá. E tamén dos Estados Unidos, que son os países que están máis perto", lamentou. Por iso, pediu que "cambien a súa forma de pensar" e se poñan na pel das familias, non só das vítimas peruanas, senón tamén dos galegos e ganeses, que piden que se atope o corpo dos seus familiares. Aínda así, agradeceu a Caballero e ao presidente da Xunta, Albero Núñez Feixoo, o seu labor.

Preguntado sobre as posíbeis axudas económicas que poidan recibir as familias, Arana indicou que o importante agora son os fillos, xa que cando menos un dos desaparecidos tiña descendentes no Perú "e teñen que comer", polo que pediu que as autoridades e o seguro da empresa non se esquezan dos menores. Aliás, solicitou apoio "psicolóxico e moral" para os familiares, co obxectivo de que "non se sintan sós".

Apoio do Concello de Vigo

Pola súa parte, Abel Caballero trasladou ás familias o seu pésame e o apoio do Concello "en todo o que precisen", polo que se estabeleceu no edificio consistorial un lugar de referencia, con atención 24 horas, para dar apoio tanto xurídico como profesional, psicolóxico ou económico a familiares.

Caballero informou de que até seis das vítimas eran viguesas, das cales cinco continúan desaparecidas e achouse o cadáver dunha delas, polo que instou as autoridades do Canadá a proseguiren a busca, se ben recoñeceu que as posibilidades de atopar sobreviventes son "practicamente nulas ou nulas".