A pesca volve advertir das súas "liñas vermellas" no Observatorio da Eólica Mariña

Un barco de frota artesanal fronte á dársena da Mariña, no porto da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Torcuato Teixeira, representante do sector nesta organización, salienta o "diálogo" e a "transparencia" que está a percibir nos encontros, mais ve "complexa" a integración da enerxía eólica nas costas galegas con base na proposta da patronal do metal.

O pleno do Observatorio da Eólica Mariña, que ten por obxectivo analizar a viabilidade dos proxectos eólicos na costa galega, mantivo na pasada cuarta feira o seu segundo encontro, após a sesión de constitución decorrida o 9 de xuño. Desde entón formáronse tres grupos de traballo: un para artellar a planificación normativa, outro centrado na innovación e un terceiro dedicado ao impacto social.

Este organismo está presidido pola Xunta da Galiza —en concreto, pola vicepresidencia segunda e as consellarías do Mar e Medio Ambiente—, e nel participan a Asociación de Industrias do Metal (Asime, patronal do sector), e o Consello Galego de Pesca, representado polo secretario xeral da asociación de armadores Pescagalicia, Torcuato Teixeira.

"Traballamos con base nunha única premisa, que a eólica mariña non afecte a actividade pesqueira nin os ecosistemas. Non se trata de substituír industrias contaminantes por outras renovábeis, senón que calquera proposta que non recoñeza a importancia da pesca e a súa necesaria preservación, non terá ningún percorrido", sinala Teixeira, en conversa con Nós Diario.

Para o sector pesqueiro, a "liña vermella" resulta evidente. "Aplaudimos esta iniciativa porque temos participación, e estamos dispostos a falar de todo, sempre que a nosa actividade non se vexa prexudicada", incide. Con todo, salienta que no Observatorio se está a traballar con "moito diálogo e transparencia".

Polo de agora, a Xunta comprometeuse a presentar alegacións contra o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) que vén de presentar o Goberno estatal, un documento que considera a pesca "non prioritaria" e contra o que este sector xa se manifestou en contra.

Unha relación "complexa"

Torcuato Teixeira ve "complexa" a coexistencia da industria eólica mariña e a pesca nas costas galegas. De feito, a proposta inicial de Asime para instalar os primeiros aeroxeradores contemplaba zonas da Coruña e A Mariña inzadas de produtivos caladoiros.

"Agradecemos que nos trasladen con sinceridade a súa proposta, mais nós agora dirémoslles cales serían os inconvenientes. Desde un punto de vista realista e fundamentado, se nunha zona hai caladoiros a actividade eólica é inviábel, a nivel pesqueiro e ecolóxico, polo que seguramente teñan que propor novos emprazamentos", insiste.

Precisamente a Comisión de Pesca do Parlamento europeo vén de emitir un informe no que alerta dos efectos negativos destas infraestruturas sobre a biodiversidade e a actividade pesqueira. "Hai aínda moitas incógnitas, e o Parlamento ratifica moitas desas cuestións con base ao que está a acontecer nos parques xa operativos. Queremos que toda esa información chegue ao Observatorio para traballarmos sobre certezas, e non sobre especulacións", explica, e pon como exemplo a "falta de información sobre a afección ás larvas ou o efecto das vibracións nos bancos de peixes e os mamíferos mariños que pasan polas costas galegas".

O ecoloxismo, excluído

A Xunta non convidou a formar parte do Observatorio a ningún colectivo ecoloxista, o que provocou as críticas de entidades como a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Verdegaia, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), que ven "imprescindíbel" a súa presenza para analizar os impactos da industria eólica sobre a biodiversidade mariña.