A patronal eólica insiste en "non desaproveitar a oportunidade" da eólica mariña

O presidente da AEE, Juan Diego Díaz. (Foto: Europa Press)
Pola súa parte, o sector pesqueiro galego segue a mostrarse contrario á implantación da eólica mariña no país polo descoñecemento do impacto ambiental e económico que poida ter.

A Asociación Eólica Empresarial (AEE) insistiu esta sexta feira en avanzar no desenvolvemento da eólica mariña no Estado español e "non desaproveitar a oportunidade" que supón.

Neste sentido, AEE considera a eólica mariña como "un vector fundamental para alcanzar os obxectivos climáticos e de seguridade enerxética a partir de recursos renovábeis propios e achegando maior estabilidade ao noso sistema eléctrico".

Nun comunicado, a patronal indicou que, ademais, a eólica mariña constitúe "unha grande oportunidade de desenvolvemento tecnolóxico, económico e industrial, polo seu elevado potencial para a creación de emprego cualificado nos sectores industriais estratéxicos do Estado español".

Aliás, tamén a definiu como "unha oportunidade socioeconómica, que achega novas vías de futuro para as comunidades locais", polo que AEE subliñou que "non se pode desaproveitar, por segunda vez na historia do país, unha oportunidade económica, social, ambiental, tan positiva como a eólica mariña".

Rexeitamento do sector pesqueiro

A pasada semana, o sector pesqueiro galego, asturiano e cántabro, a través da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, volveu mostrar o seu rexeitamento aos plans do Estado español para a eólica mariña recollidos no plan de ordenación do espazo marítimo (POEM).

Segundo denunciou a plataforma nun comunicado, o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico notificoulles que "prescindiría" de informacións relativas ao impacto socioeconómico e medioambiental da implantación da eólica mariña para a elaboración definitiva do POEM.

Para o colectivo, o sector da pesca "non pode ser obxecto de sacrificio para o beneficio de grandes multinacionais que ven nos nosos mares un territorio para especular coa enerxía, vestindo a súa aposta de “verde” para implementar un “greenwashing” en contra dos nosos ecosistemas e o sector pesqueiro".

Neste sentido, a plataforma xa anunciou que se reuniría de urxencia con todos os grupos políticos do Congreso e dos Parlamentos galego e asturiano para intentar "reverter a proposta que se pretende aprobar de implementar a eólica mariña nas nosas costas prescindindo de toda a información sobre os impactos nos nosos ecosistemas e na nosa actividade pesqueira".