Mar

O sector da pesca porfía na "nulidade" da eólica mariña

De esquerda a dereita, José Antonio Pérez, presidente da Federación Galega de Confrarías; Javier Sanz, profesor asinante do informe; Marta García, a outra asinante; Basilio Otero, presidente da Plataforma e das confrarías do Estado español, e Adolfo Méndez, presidente das confrarías asturianas. (Foto: Nós Diario)
A Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños presentou esta quinta feira na Coruña o informe xurídico que deu pé á demanda que impugna e pide a nulidade dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM) para o desenvolvemento da eólica mariña, un recurso admitido a trámite polo Supremo e pendente aínda de se resolver.

O presidente da plataforma en defensa da pesca, Basilio Otero, compareceu esta quinta feira acompañado dos profesores da Universidade da Coruña Javier Sanz e Marta García, encargados de elaborar un informe "moi técnico" que dedica máis de 200 páxinas a debullar todas as cuestións xurídicas que, ao seu entender, xustifican a solicitude de impugnación do Real Decreto aprobado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no mes de febreiro. "Presentamos un documento moi extenso no que achegamos exemplos e numerosas concrecións do Real Decreto que nos levan a recomendar que se impugne, que se anule e se dite outro que atenda a todas as consideracións que aí se recollen", resume a catedrática de Dereito Público da UDC Marta García en declaracións a Nós Diario.

A primeira cuestión que salienta García refírese ao rango da norma que busca ordenar o espazo mariño. "Xa o puxemos de manifesto hai tempo: este Real Decreto non ten rango suficiente para algunha das medidas que se queren impor", sobre todo ao sector pesqueiro, como a restrición á entrada de barcos con dereitos pesqueiros nalgúns caladoiros en favor da implantación da enerxía eólica.

En segundo lugar a catedrática sinala un aspecto que atravesa todo o decreto: a arbitrariedade. E aclara que no caso dos poderes públicos "arbitrariedade é actuar sen motivación, sen xustificación aparente... e ao longo do texto hai varias cuestións de manifesta arbitrariedade", outra importante causa de nulidade.

Entre os exemplos que se destacan no informe está a ausencia da pesca tanto no capítulo de "usos prioritarios" como no de "usos de alto potencial". "A pesca non existe, non está categorizada entre os usos do mar, e a razón que dan é que é ubicua, que se pode realizar en calquera lugar". Para os expertos este é un argumento "xuridicamente inconsistente" xa que é ben sabido que "existen os caladoiros de pesca, que teñen os seus espazos dentro do mar e que os barcos levan anos ostentando dereitos sobre eles para poder traballar".

Esta omisión da pesca é "moi grave e unha das grandes preocupacións do sector", afirma García. A actividade pesqueira ficaría supeditada a todos os demais usos e as zonas eólicas coinciden nalgúns casos con caladoiros de gran produtividade".

Na mesma liña, Marta García apunta unha segunda arbitrariedade que, ademais, creba o principio de igualdade, di, xa que "as razóns que serviron nas demarcación do sur para eliminar ou reducir zonas de eólica pola súa afectación á pesca de arrastre non serviron para o mesmo  na demarcación noratlántica".

Calidade normativa

Por último, o informe fai fincapé na calidade normativa. "As normas teñen que ser idóneas, necesarias e proporcionais e nós analizamos o texto para demostrar que non o é", ao non considerar os tempos nin unha moratoria para abordar o impacto que unha actividade nova como a eólica pode causar sobre a biodiversidade, os recursos pesqueiros e o ecosistema alimentario.

Os expertos chaman a resolver o conflito, máis non a costa da actividade pesqueira. E apunta un informe recente do consello de contas de Europa no que asegura que mentres exista conflito, en particular coa pesca, non se van conseguir os obxectivos da directiva que promoveu a ordenación do espazo mariño.

"Estamos todos na mesma dinámica, agora o que fai falla son actores dispostos a sentarse, dialogar, alcanzar acordos e a consolidar un desenvolvemento da eólica imprescindíbel, mais non a conta do sector pesqueiro", conclúe Marta García.