Satse alerta de elevado risco psicosocial en enfermaría

Un estudo analiza as condicións laborais de contratos polivalentes. (Foto: Xunta da Galiza)
Cee e a Baña, sen servizo Dermatoloxía e matrona, respectivamente.

O servizo de prevención de riscos laborais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou un "risco moi elevado" para a saúde de enfermeiros e enfermeiras con contratos "polivalentes", após a análise de varias dimensións, entre eles a carga e o tempo de traballo á que se someten estes profesionais. 

En concreto, o informe que fala deste "risco moi elevado" para a saúde refírese ao persoal de enfermaría que desenvolve as súas funcións firmando os denominados contratos polivalentes no Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU), e elaborouse a raíz dunha denuncia de Satse.

Desde o sindicato advirten de que existe persoal de enfermaría que "non ten un mando intermedio fixo, descoñecen os protocolos e poden desempeñar as súas labores até en 14 servizos hospitalarios diferentes".

Satse denunciou estas circunstancias en Inspección de Traballo, que requiriu un informe ao servizo de prevención de riscos do Sergas. 

O estudo é o que agora recoñece un "risco moi elevado" para o persoal de enfermaría destes servizos, en relación a varios aspectos, como "tempo e carga de traballo" pero tamén apunta a cuestións como "demandas psicolóxicas, participación/supervisión, desempeño de rol e relacións e apoio social"

A respecto desta problemática, Sanidade insiste en que Inspección de Traballo estimou que "non procede rectificación algunha" das prazas de enfermaría.

Sen dermatoloxía en Cee

Pola súa parte, a CIG denunciou a falta de cobertura da especialidade de dermatoloxía no Hospital de Cee (comarca de Fisterra), unha praza que, segundo o sindicato, fica vacante desde 2022.

A central sindical exixe que se oferten "con carácter inmediato" todas as prazas vacantes e contratos de longa duración para a súa cobertura con persoal temporal en tanto non se cubran a través da OPE.

Matrona e reforzo en pediatría na Baña

A parlamentaria do PSdeG Noa Díaz presentou onte unha serie de iniciativas no Parlamento para reclamar á Xunta da Galiza que cubra a praza de matrona e reforce o servizo de pediatría no Concello da Baña (A Barcala).

Segundo Díaz, o Centro de Saúde da Baña leva "ano e medio" sen matrona, debido á "negativa" de Sanidade de cubrir a baixa da titular. Sanidade negou ter constancia de "malestar por parte dos usuarios" en ambos os casos