O novo modelo de incompatibilidades dos médicos favorece a privatización

630 facultativos compatibilizan o traballo na pública e na privada. 
12-F: Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela. (Foto: Arxina).
photo_camera 12-F: Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela. (Foto: Arxina).

As reivindicacións das máis de 50.000 persoas que o domingo 12 de febreiro encheron a praza compostelá do Obradoiro xa teñen resposta. Só tres días despois da máis grande manifestación da historia da Galiza en defensa da sanidade pública, o Goberno galego anunciou novas medidas para avanzar no proceso de privatización do sistema sanitario. A decisión anunciouse sen ter en conta a opinión dos representantes dos traballadores do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Así, o acordo entre a Consellaría de Sanidade e os responsábeis dos colexios médicos da Coruña, Lugo e Ourense -o de Pontevedra mantén rotas as relacións coa Consellaría, a quen considera responsábel da deterioración do sistema- pairaba sobre o ambiente desde hai unhas semanas, porén, a Xunta da Galiza agardou a esta cuarta feira para formalizalo, co fin de non dar máis argumentos para a protesta aos colectivos en defensa da sanidade pública. 

Porén, a decisión abre novas frontes de combate para o Goberno galego, nun conflito que preocupa, especialmente, no aparato do Partido Popular e entre os seus dirixentes locais.

O novo marco legal proposto pola Consellaría flexibiliza o réxime de incompatibilidades dos facultativos do sector público para poder exercer ao tempo nos centros privados. Nesta dirección, ábrese a porta a que as médicas e médicos do Sergas poidan traballar nos hospitais privados, mesmo no caso de estar estes centros beneficiados por concertos sanitarios financiados pola Administración galega. Precisamente, a data de hoxe 630 médicas e médicos traballan á vez na sanidade pública e na privada, unha cifra que aumentará coas disposicións anunciadas.

Os colectivos en defensa da sanidade pública afirman que a proposta partiu da patronal. A este respecto, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, considera que “non é casual que esta proposta se aprobe só unhas semanas despois que a patronal da sanidade privada recoñecese que necesita 120 médicos máis para atender os concertos coa pública”. 

Con esta medida, di Manuel Martín, “a Xunta da Galiza pretende avanzar na privatización da sanidade pública”. 

En declaracións a Nós Diario, o portavoz de SOS Sanidade entende que “os colexios médicos galegos carecen de representatividade, xa que os seus órganos de dirección están elixidos por menos do 10% da profesión, que son os que votan nos seus procesos internos e teñen graves conflitos de interese”. Nesta dirección, os sindicatos maioritarios entre o persoal sanitario critican que o Goberno galego adopte esta medida sen ter en conta a opinión dos órganos formais 
de representación. 

Os riscos da proposta

O Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade para 2022 recolle que o 66% da poboación galega rexeita que as médicas e médicos poidan compatibilizar o exercicio público e privado e só o 17% valora positivamente esta opción. A maiores, o 74,5% das galegas e dos galegos entenden que esta medida favorece o desmantelamento do sistema público de saúde.

A decisión do Goberno galego agudiza o conflito aberto cos colectivos en defensa da sanidade pública. A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da Atención Primaria, que se debaterá a finais de marzo no Parlamento da Galiza e que conta co apoio de máis de 55.000 sinaturas, rexeita a compatibilidade entre o exercicio público e privado da profesión médica.

A xestión sanitaria é o tendón de Aquiles do PP. Introducir novos elementos de conflito neste ámbito implica debilitar a posición do partido de cara ás eleccións locais, como admiten dirixentes galegos da formación política.

Comentarios