Sarria sairá a rúa para demandar a construción dun novo colexio

A Escola do Fogar acollerá ao alumnado do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria mentres o centro é reparado (Imaxe: ANPA).
 As familias piden transparencia á Consellaría e solicitan reunirse con representantes dos partidos políticos a nivel galego.

A Plataforma en Defensa do Colexio Frei Luis de Granada en Sarria, anunciou onte que prepara unha manifestación para reclamar a construción dun novo colexio público, debido aos "problemas estruturais" dos que adoece o actual.

Francisco Javier Pico, veciño, pai e membro da ANPA do centro explica que, nun comezo a Consellaría de Educación ofrecera ás familias dúas solucións: repartir á rapazada por centros da contorna ou trasladala á Escola Fogar. "A pasada semana soubemos que existía unha terceira opción de repartir ao alumnado entre as aulas libres do instituto e da escola infantil, un total de trece", denuncia en declaracións a Nós Diario, criticando a falta de transparencia da Administración.

"Non nos deron toda a información da que dispoñían", engade. Por ese motivo, unha das peticións acordadas na última reunión da plataforma é a de demandar á Consellaría que comparta todos os datos cos que conta coas familias. "Alí tamén nos asesorou una vogado, que nos recomendou agardar ao mes de maio ou xuño para exixir unha solución respecto o posíbel traslado do alumnado a unhas aulas máis dignas ou a construción dun novo centro, di Pico.

Na actualidade están a realizarse obras de urxencia no centro, ao tempo que en Compostela a Xunta avanza no proxecto dunha reforma completa. “As obras de urxencia demostran que o colexio non é seguro, como nós denunciabamos”, critica este pai.
A plataforma tamén recreará unha aula da Escola Fogar na rúa,  "para denunciar as condicións nas que estudan os nosos nenos na actualidade".