Familias de Sarria demandan aos partidos locais que apoien a construción dun novo centro escolar

As integrantes da Plataforma en Defensa do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria reuníronse o 15 de febreiro na Casa da Cultura (Imaxe: Plataforma de afectadas).
Tras reunirse ao longo da pasada semana con representantes de todas as forzas políticas, a plataforma en defensa do CEIP Frei Luis de Granada reclamará a celebración dun pleno extraordinario para defender a súa demanda.

"Estamos a redactar o texto e temos intención de presentalo esta semana", asegura por teléfono a Nós Diario Francisco Javier Pico, veciño de Sarria, pai e integrante da ANPA do CEIP Frei Luis de Granada. Ao longo da pasada semana as familias que integran a plataforma en defensa do centro escolar reuníronse coas representantes dos grupos políticos locais. No documento solicitarán a celebración dun pleno extraordinario no que apoien a construción dun novo colexio para rapazada da vila.

"Polo de agora, nas reunións todos os grupos amosaron o seu apoio, agás o Partido Popular, que non se pronunciou explicitamente ao respecto", di Pico.

Valoración do colexio

O alumnado da vila recibe aulas actualmente na Escola Fogar, despois de que as familias denunciasen o mal estado do CEIP Fei Luis de Granada, que foi apuntalado no mes de xaneiro, e que a Consellaría de Educación resolvese trasladalos. Nunha reunión que tivo lugar na Casa da Cultura o pasado domingo, persoal técnico valorou coas familias o estado actual do centro.  

"Dixeron que a reforma que precisaba o colexio en 2011 non foi a adecuada, e que por iso agora presentaba problemas. Destacouse que os forxados do edificio presentan deformacións superiores aos límites permitidos, o uso de formigón de mala calidade ou unha cimentación deficiente", resume Pico.

Este integrante da ANPA adianta que a plataforma solicitará á Consellaría de Educación os informes dispoñíbeis sobre o centro desde a súa construción. "Centrámonos especificamente nos documentos a partir de 2009, mais tamén queremos os anteriores por se acaso se realizou algunha modificación na estrutura que descoñezamos", conta. A petición foi acompañada dun total de 3.371 sinaturas, "recollidas en menos de 48 horas". 

Eleccións de abril

Pico tamén avanza que a plataforma solicitará reunirse coas representantes dos partidos políticos a nivel galego antes da cita electoral do 5 de abril. "Tamén queremos recoller o seu compromiso dun novo centro para as nosas nenas", di. A maiores, a plataforma quere citarse con representantes da consellaría de Educación, para reclamar o traslado do alumnado que hoxe atende a Escola Fogar. "O tamaño das aulas é inadecuado, non cumpren con ningún dos estándares que recolle a normativa", denuncia.