Preocupación das familias por un centro de Sarria apuntalado que a Xunta cualifica como "seguro

Concentración das familias o 22 de xaneiro ao medio día diante do CEP Frei Luis de Granada de Sarria (Imaxe: Nós Diario).
Familias de Sarria concentráronse onte ás portas do CEP Frei Luis de Granada reclamando á Xunta que garanta a "seguridade" do alumnado do centro cuxo patio, corredores e aulas están apuntaladas.

"Rebaixas en educación, puntais por decoración" é o cántico que ducias de familias de Sarria corearon onte ás portas do CEP Frei Luis de Granada da vila. Nais, pais e alumnado do colexio concentráronse ataviadas con cascos de obra ou chalecos reflectores para pedir á Xunta que garanta a seguridade da rapazada do centro, que estes días recibiu aulas nun centro apuntalado.

O 20 de xaneiro o profesorado decidiu suspender as clases, despois de que persoal técnico da Consellaría apuntalase parte da estrutura do edificio para levar a cabo unhas catas e determinar se é seguro. "Informárase ás familias de que se apuntalaría unha parte pequena, mais cando chegaron as profesoras estaba apuntalado todo o patio e máis o edificio", denuncia Francisco Javier Picos, pai e integrante da ANPA do centro a Nós Diario. O centro xa presentaba deficiencias desde hai cinco anos, con fendas que se abriron paso polas paredes. Os técnicos tamén instalaron un valado no edificio "por protección" na maior área de risco.

O 21 de xaneiro retomáronse as aulas. Non obstante, a primeira hora da mañá tan só acudiran 62 alumnas das 367 matriculadas no colexio. As súas familias comunicaron que decidiran agardar a unha reunión convocada pola tarde pola directora do centro xunto coa ANPA na que participaron representantes da Consellaría de Educación.

Denuncian contradicións na información

"Nesa reunión estaban presentes pais con coñecementos de estruturas, pois son enxeñeiros, e en canto empezaron a facer preguntas á inspectora da área e aos técnicos estes non sabían responder ou entraban en contradicións evidentes", censura Francisco Javier Picos, "ademais dixéronnos que podían retirar algunhas das puntas, cando momentos antes isto non era posíbel".

A deputada do BNG e portavoz de Educación no Parlamento Olalla Rodil tamén mantivo unha reunión con nais e pais do CEP Frei Luís de Granada. "Foi xusto despois de que rematase a xuntanza con representantes de Educación", explica. "O que nos trasladaron as familias é unha preocupación enorme, porque a Xunta non lles dá garantías de que se podan impartir aulas en condicións de seguridade", engade Rodil.

A Xunta de Galiza insistiu en que a seguridade do centro está "garantida", segundo trasladaron os propios técnicos da obra, mais Picos avanza que as familias continuarán coas mobilizacións e que moitas non enviarán as súas crianzas ao centro.