Sargadelos trae a Ribadeo o ex portavoz de Vox Espinosa de los Monteros para falar de "súbditos" e "cidadáns"

Santiago Abascal e Iván Espinosa de los Monterosnunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

Participará nun foro organizado por este grupo, no que tamén estarán Alfonso Guerra, Soraya Sáenz de Santamaría e Manuela Carmena.

A cerámica de Sargadelos cos seus debuxos xeométricos en azul cobalto e branco é un símbolo ineludíbel do deseño galego. Porén, a dimensión do proxecto de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane López escapaba ao ámbito artístico e empresarial e lígabase cun proxecto de restauración da Galiza soñado no desterro arxentino.

Un compromiso cun facer e cun país do que pouco semella atoparse en iniciativas participadas polo que hoxe é o grupo Sargadelos, como a nova edición dos foros de debate anuais que este mes organiza co grupo Voar en Ribadeo, na comarca da Mariña, e que principiarán o 19 de xaneiro coa intervención de Iván Espinosa de los Monteros, quen fora portavoz de Vox no Con greso español.

“Estado: súbditos o ciudadanos?” é o tema de debate deste ano. Espinosa de los Monteros foi, até que en 2023 se afastou da política alegando motivos persoais, un dos nomes claves na reformulación da dereita ultra e españolista que foi Vox. Foi o seu portavoz no Congreso español e responsábel de discursos duros cotra todo o que lle soase a “separatismo”.

sarga

A súa traxectoria política bate coa tradición que arrancou aló polos 50 do século XX nos soños, ideas e proxectos de dúas vítimas do franquismo: Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. O proxecto de recuperar a produción de louza en Sargadelos ía da man dun proxecto máis amplo de restauración da personalidade da Galiza, onde se situaron outras iniciativas que viron a luz na segunda metade do século XX, como Cerámicas do Castro, Edicións do Castro, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información ou o recuperado Seminario de Estudos Galegos.

A Espinosa de los Monteros seguiralle neste foto de debate impulsado por Sargadelos o ex vicepresidente do Goberno español Alfonso Guerra. Un dos homes fortes do PSOE nos anos 80 e que nos últimos tempos enfrontouse co seu partido, nomeadamente polos pactos con forzas nacionalistas; ademais de atacar medidas como a cooficialidade do galego, vasco e catalán no Con greso.

Tamén estarán neste foro a ex vicepresidenta española no Goberno de Mariano Raxoi, Soraya Sáenz de Santamaría; e a ex alcaldesa de Madrid Manuela Carmela.

Desde a organización dos Foros de Debate consideran que a valía dos relatores e o tema para debater son dúas razóns de peso para que as xornadas sexan consideradas de interese xeral.