Sanitarias, á intemperie contra o coronavirus

(Europa Press)
A comunidade sanitaria é a primeira liña de defensa da sociedade contra o coronavirus. Malia a falla de medios necesarios para a súa protección e nunhas condicións de precariedade derivadas das políticas de recortes do Goberno galego, as profesionais da saúde libran a batalla contra a pandemia.

As traballadoras e traballadores da sanidade dubidan da eficacia dos hospitais de campaña previstos pola Xunta da Galiza en Compostela e na Coruña. O portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Compostela, Xosé María Dios, advirte, en declaracións a Nós Diario, que “vendo a experiencia de Madrid, o dos hospitais de campaña é para botar a tremer”. “Alí as organizacións profesionais están denunciando a falla de medios para atender as doentes no Ifema así como a ausencia de medidas de protección para as traballadoras. Antes de instalar hospitais na Coruña e Compostela, débense empregar os recursos da sanidade privada, que representan 25% dos recursos da sanidade galega, e tamén as plantas baleiras dos hospitais públicos”, considera.

O portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, é da mesma opinión. “Antes de tomar a decisión de pór en marcha hospitais de campaña na Galiza débense utilizar as camas libres dos hospitais públicos e privados, sobre todo cando estes últimos case non teñen ingresos de doentes. Por exemplo, na área sanitaria de Pontevedra só temos contabilizada unha persoa internada nunha UCI da privada”, sinala Martín, que lembra as denuncias a este modelo do Colexio de Médicos de Madrid, “unha entidade que non é sospeitosa de ser crítica coas políticas sanitarias do PP”. 

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, amósase tamén crítica con esta decisión. “A Xunta está anunciando medidas previstas no protocolo de actuación do coronavirus para a fase catro, cando estamos aínda na fase dous. Resulta incomprensíbel que se valore a posibilidade de pór en marcha os hospitais de campaña, cando o propio decreto do estado de alarma obriga os centros sanitarios privados a pór a disposición da sanidade pública non só as súas instalacións, senón tamén o seu persoal”, conclúe a portavoz do sindicato maioritario no sector, que salienta que “hai centros hospitalarios privados infrautilizados que poden ceder as súas camas e equipamentos”.

A capacidade de resposta contra o coronavirus vese lastrada pola política de recortes aplicada á sanidade pública polo Executivo de Alberto Núñez Feixoo. Xosé María Dios, en declaracións Nós Diario, afirma que “os retallos estanse notando. Se analizamos a política orzamentaria da etapa de Feixoo, comprobamos que durante este período déixanse de investir máis de 1.000 millóns de euros no sistema sanitario. Cando chega unha situación de emerxencia como a actual os problemas agudízanse moito máis”.

Agora nótanse máis os recortes

Martín destaca que é agora cando máis se percibe o desmantelamento do sistema sanitario galego, do que é un bo exemplo o feche de camas hospitalarias, "durante os últimos anos, fecháronse camas ou non se abriron centos delas, como aconteceu no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo". Martín tamén pon o foco na redución do cadro de persoal e na falla de facultativas. Afirma que “o persoal para cubrir unha unidade de coidados intensivos (UCI) require dunha especialización moi concreta que non se pode cubrir con calquera profesional”.

A falla de persoal é unha das preocupacións de Abuín. Neste sentido, explica que “a aplicación da taxa de reposición”, medida aprobada polo Goberno do Estado que limita a posibilidade de contratar, “provoca que desde 2012 fiquen por convocar 9.951 prazas no sistema sanitario galego”. Abuín lembra que “o número de camas hospitalarias e de prazas UCI está por baixo da media estatal”. Mentres o Estado español dispón de 8,28 prazas de UCI por cada 100.000 habitantes, a cifra redúcese na Galiza a 5,92 prazas, cifra aínda máis baixa en relación a Alemaña Italia ou Francia.

Sen equipos de protección

O coronavirus está golpeando duramente as traballadoras da sanidade. Malia a negativa da Consellaría de Sanidade a ofrecer datos actualizados sobre o número de empregadas no  Sergas afectadas pola pandemia, as cifras que transcenden falan dunha porcentaxe importante. Na área sanitaria de Lugo permanecen confinadas polo coronavirus 139 traballadoras: 64 pertencen ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), 31 ao Hospital de Burela, 20 ao Hospital de Monforte e 24 á Atención Primaria.

“Estamos vendidos. Se a Atención Primaria ven algún doente con coronavirus, non temos recursos para facer fronte á situación”, indica Dios, que é médico no centro de saúde de Outes. Martín, nesta liña, demanda “garantir que todas as traballadoras teñan os equipos de protección necesarios” e afirma que é coñecida a falla de material de protección “nalgunhas unidades hospitalarias”. “A Consellaría está obrigada a protexer as profesionais como maneira de garantir a protección do conxunto da poboación. Todos os días chegan queixas sobre a falla de material, hoxe [por onte] mesmo en Ourense faltan batas impermeábeis de traballo e estanlle esixindo ao persoal que empreguen outros materiais. A sensación de angustia e estrés que se vive ao entrar nunha habitación hospitalaria sen saberse protexida só a coñece aquela que a vive”, afirma Abuín.