Feixoo confirma 2 hospitais de campaña na Coruña e Compostela, con máis de 400 camas, e aponta á posibilidade dun en Vigo

Advirte que a situación vai ser "dura" nestas semanas. 

hospital campaña madrid (Europa Press)
photo_camera (Europa Press)

Núñez Feixoo confirmou esta terza feira a posta en marcha de dous hospitais de campaña na Galiza para facer fronte á pandemia do coronavirus. Un na Coruña, no recinto feiral, con capacidade para entre 200 e 300 camas; e outro en Compostela, no Multiusos de Sar, con capacidade para entre outras 100 e 150 camas. Unha posibilidade que concretou após varios días evitando confirmala. Nós Diario informou que una empresa madrileña procuraba persoal para eses hospitais. 

O presidente da Xunta apuntou á posibilidade de instalar un hospital de campaña máis, en Vigo, no Ifevi, mais polo de agora esa decisión non está tomada.

Estes hospitais non acollerán UCIs, dixo.  Os cálculos son que esta fin de semana ou principios da seguinte esta instalado o hospital previsto par A Coruña e nos días seguintes, o de Compostela. 

Esta medida foi adoptada, explicou, en base aos dados do Comité Clínico de Saúde e das proxeccións que apontan que na Galiza o pico da COVID-19 está por vir: “Agardan semanas moi duras”, advertiu Feixoo, que apontou que vai haber un aumento de persoas contaxiadas nos vindeiros días, o que vai implicar máis hospitalizacións e máis ingresos nas UCIs, de aí a decisión de crear estes hospitais de campaña.

Porén, diferentes voces nestes días, pedían á Xunta que antes de apostar nestes hospitais de campaña optase por botar man da privada, que baixo o decreto de alarma ten que poñer recursos e medios a disposición do Goberno. A sanidade privada ten na Galiza por volta de 2.200 camas e moitas delas non están en uso actualmente. Ten, ademais, perto de emdio cento de UCIs. O sistema público na Galiza dispòn de 7.500 camas e o número de unidades de coidados intensivos anda por volta de 160, segundo datos ofrecidos polo propio Feixoo.

O presidente dixo que a activación destes hospitais prodúcese tendo en conta a mobilización das camas da sanidade privada, que tamén van ser usadas, lembrando que, aliás do coronavirus, hai outras necesidades de hospitalización que precisan ser atendidas. 

Tamén se referiu á activación dunha 'noria de ambulancias', un sistema de transporte específico para estes hospitais de campaña. 


 

Comentarios