A centralización agudiza o desabastecemento do material sanitario

Material doado á Xunta pola Universidade da Coruña (UDC)
O persoal sanitario está enfrontando a epidemia máis grave do último século sen medios suficientes. Mentres aumentan as queixas pola falta de material básico de protección, como máscaras e batas resistentes, o Goberno do Estado amósase incapaz de atender as necesidades de abastecemento do sistema de saúde.

A ausencia de material de protección básico para afrontar o coronavirus é un feito. Que 12% dos casos de COVID-19 no conxunto estatal se corresponda con persoal sanitario confirma a falta de medios coa que se está enfrontando a pandemia. Malia que o número de contaxios é proporcional á exposición a aqueles territorios máis prexudicados pola doenza, as afectadas e afectados repártense ao longo do Estado.

As condicións de precariedade do persoal sanitario son coñecidas. A pasada quinta feira, 18 de marzo, o sindicato de enfermaría Satse denunciaba que o persoal do sistema galego de saúde estaba traballando "sen equipos de protección individual e nalgúns casos sen máscaras FFP2 nin cirúrxicas" e sinalaba que a falta de medios no conxunto das áreas sanitarias galegas "non permite unha axeitada protección do persoal sanitario nunha intervención con contacto próximo coa paciente".

Un día máis tarde, a sección da sanidade da CIG criticaba a situación das traballadoras e traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A organización fíxose eco das queixas do persoal das diversas unidades do centro sanitario pola falla de material e "non só pola súa escaseza, senón tamén pola falta de reparto, limitación en cantidade e dificultade para conseguir o equipo de protección individual, debido a unha especie de racionamento".

O persoal da Área Sanitaria de Ourense exprésase en termos semellantes. Neste caso, o malestar procedía dunha circular enviada polo seu xerente, Félix Rubial, onde instaba as traballadoras e traballadores a "non utilizar ningún tipo de máscara sanitaria en actividades e lugares que non impliquen contacto directo cos pacientes", "nin en desprazamentos polo centro e áreas xerais", dada a "situación de limitación de existencias e non dispoñibilidade de máscaras no mercado".

Críticas entre Administracións

As liortas a conta da falla de material de protección do persoal sanitario son unha constante entre as Administracións. A práctica totalidade dos presidentes autonómicos urxían o xefe do Executivo estatal a dotar de equipos de protección as traballadoras e traballadores da sanidade e denunciaron os problemas de abastecemento sanitario derivados da xestión estatal.

As críticas son partilladas por mandatarios de diversas adscricións partidarias. Así, un socialista, o presidente aragonés Javier Lambán, após expor que "Sánchez pode contar con Aragón para esta guerra", instouno a dotar de material as sanitarias da súa comunidade. A posición de Lambán coincide coa do resto das mandatarias do PSOE pero tamén coa expresada polo presidente vasco Íñigo Urkullu ou co catalán Quim Torra, moi preocupados pola incapacidade do Estado para facerlle chegar os abastos sanitarios necesarios.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, manifestouse nun sentido semellante. Nunha comparecencia pública, após a reunión do domingo con Sánchez, informaba de que "a Galiza case non chega nada de material tras decretarse o estado de alarma. As profesionais sanitarias están facendo un bo traballo, pero hai que ser realistas. Temos necesidades imperiosas de material sanitario de todo tipo, de protección, de respiradores, material para a UCI e outros de hospitalización e tests".

Porén, o presidente galego recoñeceu que o Sergas conta con material de reserva para aguantar a actividade nos hospitais, cifrando o stock en 500.000 máscaras. Ao tempo, na xornada de onte, a Xunta recibía novos equipos de protección por parte do Estado, sen que desde o Goberno galego se fixese o necesario para paliar a falla de material denunciado polo persoal sanitario. A este respecto, CCOO exixiulle a Feixoo explicacións polo material acumulado sen repartir. Tamén se pronunciou ao respecto Galicia en Común-Anova Mareas, que reclamou a Feixoo que reparta "de maneira inmediata" o medio millón de máscaras que ten no seu poder a Xunta.

A centralización da compra e da distribución dos equipos de protección básico do persoal sanitario está a agudizar os problemas de desabastecemento. A proposta, aprobada no Consello de Ministros de 10 de marzo, modifica a lexislación estatal en materia de saúde pública, co obxectivo de "asegurar que todo o material de protección necesario para facer fronte ao coronavirus estea dispoñíbel". A consecuencia dos resultados obtidos, o Executivo estatal viuse obrigado a rectificar a decisión e volveu autorizar os Gobernos autonómicos a comprar o seu material desde o 19 de marzo.