Espimos os programas electorais

A sanidade pública que sobrevive aos recortes

Dez anos de recortes orzamentarios, reorganización neoliberal e precarización laboral estaláronlle ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo ao longo do último ano. A sanidade pública pasou a ser unha das áreas sociais máis conflitivas de Galiza e onde o Partido Popular percibiu unha enorme vía de auga política que o levou a recuar en non poucas medias e ante non poucas protestas.
 

Manifestación pola sanidade pública en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha das numerosas manifestacións en defensa da sanidade pública que houbo en Galiza nos últimos meses. A foto é do 10 de febreiro en Compostela. Imaxe: cedida.

Na campaña electoral do 28A, porén, non parece que o estado da sanidade pública ocupe excesivo espazo. Si o fai nos programas electorais dos partidos. Ningunha das formacións que, por ideoloxía, favorecen a introdución da empresa e o capital privado, o expón con clareza. Mais os matices abondan para saber por onde pode discorrer a práctica de cada un.

PP: colaboración público-privada
 

O partido de Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo fala de utilizar “os recursos da colaboración público privada para poder afrontar a permanente modernización dos hospitais e a consolidación dunha rede de asistencia sanitaria de financiamento público máis ampla e de maior calidade”. Financiamento, que non xestión. Ademais, promete “garantir que todos os españois sexan atendidos en condicións de igualdade en todo o territorio nacional [sic]”. A supresión da universalidade que realizou Mariano Raxoi excluíu de facto case 300.000 persoas do sistema.

Os conservadores mencionan a reforma da Lei Xeral de Sanidade de 1986, que estabeleceu a atención universal e de balde, “naqueles aspectos en que quedara desfasada”. E engaden que “se acreditará o dereito a recibir as prestacións en idénticas condicións independentemente do lugar de residencia habitual”. No contexto, percíbese o eco recentralizador da proposta e non o combate contra as desigualdades sociais.

PSOE: revisión e eliminación de copagamentos


O Goberno de Pedro Sánchez reverteu a supresión da universalidade do sistema de saúde decretada polo PP. Agora promete avanzar na pelexa contra “os recortes indiscriminados e as políticas austeridade”. Unha das medidas máis rechamantes incluídas no programa do PSOE é a “revisión” e eliminación dalgúns copagamentos farmacéuticos. Será o caso, asegura o Partido Socialistas, do que sofren os pensionistas con rendas inferiores a 11.200 euros e os preceptores de prestacións económicas da Seguridade Social por fillo a cargo con renda anual inferior a 12.300 euros.

Nesa vía de “reverter os efectos das políticas de austeridade no empeoramento dalgúns indicadores de saúde”, o PSOE inclúe un plan contra as pseudoterapias, unha nova estratexia para a saúde mental, un observatorio de saúde das mulleres, a implantación dun calendario de vacinas común ou “incorporar á carteira básica de servizos de forma progresiva a saúde bucodental de toda a poboación”.

En Marea: reducir as posibilidades de privatización
 

As candidatas de En Marea ao Congreso comprométense a modificar a Lei 15/1997 de habilitación de novas formas de xestión do sistema de saúde “co obxectivo de reducir as súas posibilidades de privatización, asegurando que a titularidade, financiamento, xestión e provisión de servizos se faga con entidades exclusivamente públicas”. Tamén pretenden a “recuperación dos servizos sanitarios privatizados” e a “eliminación de mecanismos legais perversos de derivación á sanidade privada, concertada e externalizada”.

Todo pasa, a xuízo do partido de Luís Villares, por “incrementar os fondos de financiamento sanitario público para garantir a suficiencia financeira do sistema sanitario público e facilitar a equidade no Estado”, ademais de pola elaboración “dunha estratexia de redución da desigualdade, considerando os determinantes sociais de saúde”.

En Común – Unidas Podemos: “Saúde contra as desigualdades”


A coalición de Podemos, Esquerda Unida e Equo entende que a saúde é unha ferramenta para loitar contra “as desigualdades”. E iso faise “mellorando as condicións de vida das persoas, pelexando contra a distribución desigual de poder, recursos, etcétera, e incorporando o eixo das desigualdades en todos os estudos” ao respecto. Máis alá, En Común dispón no seu programa a “recuperación completa do acceso universal á atención sanitaria”.

A alianza de partidos estatais de esquerda rexeita os copagamentos farmacéuticos, quere reverter os recortes e reducir as listas de espera, e “evitar a mercantilización da sanidade”. Para esta última tarefa propón modificar a lei que “favoreceu a expansión da xestión privada”, como a lei 15/1997 ou a lei 12/2012. “No caso de Galiza”, sinala en concreto, “permitirá a recuperación para o sistema público galego dos centros e servizos asistenciais privatizados, como o hospital de Vigo ou o Laboratorio Central de Galiza”.

BNG: contra a sanidade “como área de negocio”

“Defendermos o dereito universal á sanidade pública e a supresión do copagamento e da restrición do acceso á atención sanitaria”, di o primeiro punto do programa do BNG referido á sanidade. A formación nacionalista parte da súa oposición “á redución orzamentaria e á concepción da sanidade como área de negocio”. E esixe “garantir financiamento suficiente da sanidade pública”, con atención a parámetros de envellecemento e dispersión da poboación. O Bloque tamén insiste en “reducir as posibilidades de privatización” mudando a lei 15/1997.

O BNG pide reforzar a atención primaria. E, como medidas concretas para o sistema sanitario galego, a eliminación da taxa de reposición do persoal, “porque vulnera as competencias” da Xunta; o aumento das prazas de formación polo sistema MIR que se ofertan para Galiza, “para así adaptalas ás necesidades reais do Sergas de cobertura de profesionais”; ou a coordinación entre universidades e Sergas para “asegurar a capacidade docente e investigadora e estabilizar o persoal investigador”.

Ciudadanos: recentralización do sistema sanitario
 

A cruzada de Ciudadanos contra o Estado das autonomías tamén inclúe a sanidade pública. No seu programa non mencionan nin recortes, nin austeridade, nin privatización, nin expoñen propostas de financiamento da mesma. Pero a palabra España aparece en repetidas ocasións: cando se refiren a que estabelecerán unha “tarxeta sanitaria única”, unha receita electrónica e un historial clínico dixital “unificado en todas as comunidades autónomas”, ou o “calendario único de vacinación”.

A respecto doutros asuntos, o partido de Albert Rivera comprométese a suprimir o copagamento, pero unicamente en “dependentes severos e grandes dependentes”. Para que “ningunha persoa se vexa privada de fármacos por carecer de recursos” crearán “un fondo de garantía de medicamentos”. Ademais, promete “acabar coa precariedade e o abuso da temporalidade” dos profesionais sanitarios e unha medida curiosa: “Despolitizar a sanidade”.

Compromiso por Galicia: as competencias pendentes


Os tres puntos do programa de Compromiso por Galicia sobre materia sanitaria son concretos. O primeiro reclama as competencias pendentes: formación sanitaria especializada, control sanitario das baixas e incapacidades laborais, e sanidade exterior. Tamén quere que a “comunidade autónoma de Galiza” participe nos órganos encargados da autorización, rexistro e fixación de prezos dos medicamentos. O restabelecemento da universalidade do dereito á saúde “para todas as persoas que residen no Estado” e “maior investigación e prestación” para as chamadas enfermidades raras completan a oferta dos galeguistas.

Comentarios