O Ministerio de Sanidade priorizará militares e profesorado na vacinación da AstraZeneca

As primeiras doses da vacina desta farmacéutica. (Foto: Sanidade)
O Ministerio de Sanidade confía en que pronto haxa máis de tres vacinas aprobadas para administrar á poboación e agarda que o incremento de doses dispoñíbeis comece a notarse nos meses de marzo ou abril.

A Comisión de Saúde Pública decidiu esta terza feira que as comunidades militar e docente terán prioridade á hora de ser vacinadas da Covid-19 co fármaco de AstraZeneca e a Universidade de Oxford. O organismo público entende que, ademais dos corpos de emerxencias como bombeiros, axentes de seguridade e funcionarias de Prisións -aliás do profesorado de Infantil e Primaria-, os membros das Forzas Armadas son “servizos esenciais”.

O encontro, no que participaron representantes dos distintos territorios do Estado español, pactáronse os pasos da vacinación. Tamén se fixou un novo colectivo que debe recibir ese medicamento, que son as persoas en activo de até 55 anos.

A comisión tamén optara, a semana pasada, por reservar as doses de AstraZeneca para persoas de entre 18 e 55 anos, sendo as de Pzifer e Moderna as que serán aplicadas no caso da xente que supere esa franxa de idade.

Por outra parte, dentro dos ámbitos sanitario e sociosanitario nos que se centra a campaña agora estabeleceuse un subgrupo tamén de risco.

Dentro deste estarán fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, persoal das farmacias e dos institutos de medicina legal e servizos de axuda a domicilio, así como operarias de centros de menores e centros de día. Igualmente a categoría 3B abrangue ao persoal das penitenciarías.

No grupo 6 é no que, ademais dos servizos de emerxencia, entran os militares, que son considerados polo Goberno do Estado español como un colectivo cunha “función esencial para a sociedade”.

Outras marcas comerciais

No encontro, destacouse que é unha “boa nova” que haxa tres vacinas autorizadas para o seu uso na poboación. Porén, as e os expertos agardan que nos próximos meses haxa novas incorporacións como Janssen, Novavax e Curevac.

O Ministerio de Sanidade prevé que a partir de marzo e abril haxa un ascenso “moi importante” das doses dispoñíbeis para avanzar na vacinación.