Sete concellos, no nivel alto de restricións

Sanidade pon o foco na mocidade, cuxa incidencia triplica a media galega

Mapa e táboa coas restricións por niveis que rexerán en cada concello a partir das 00 horas deste sábado (Infografía: Nós Diario).
O Comité Clínico muda o criterio para estabelecer os diferentes niveis de restricións co fin de "adaptarse á situación actual", polo que a incidencia acumulada dos concellos perde peso en favor da presión hospitalaria. Deste modo, sitúa 15 concellos no nivel medio e outros sete no alto, mais polo de agora ningún municipio se someterá ás máximas restricións. Aliás, aumenta o control sobre o lecer nocturno e sobre os encontros sociais.

Unha paréntese no camiño da recuperación. Así definiu nesta cuarta feira en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, as medidas adoptadas polo Comité Clínico na reunión mantida na terza feira. "A pesar dos avances na vacinación, os positivos seguen a medrar e a incidencia acumulada dispárase. De momento non soben moito as hospitalizacións, mais iso non significa que as persoas infectadas non poidan acabar ingresadas", alertou.

De feito, das dez persoas que hoxe están nas unidades de críticos do país (sen cambios a respecto da xornada anterior), cinco son menores de 40 anos. Outras 57 atópanse internadas en planta (+4), segundo informou o conselleiro.

Os novos contaxios diarios atópanse en niveis de febreiro

Aliás, os casos activos ascenden a 6.298 (+614), e os novos contaxios baten un novo récord e continúan en valores de febreiro, con 766 (+24). A taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA), pola súa banda, fica en 8,6%, novamente por riba do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a transmisión vírica.

No tocante ás variantes do coronavirus que circulan polo país, se ben a pasada semana Sanidade tiña confirmados 187 casos da Delta e outros 112 en estudo, hoxe son xa 494, polo que se está a converter na predominante.

Os contaxios concéntranse entre a xente máis nova

A incidencia acumulada (IA) duplícase na Galiza en comparanza cos datos ofrecidos na anterior rolda do Comité Clínico, tanto a sete días —142 casos por cada 100.000 habitantes— como a 14 —210—. Por áreas sanitarias, a de Ourense-Verín-O Barco rexistra a incidencia máis elevada, 352 casos acumulados a 14 días; pola contra, a de Ferrol fica á cola con 110.

A incidencia acumulada a 14 días supera os 700 casos por 100.000 habitantes entre a mocidade

Porén, este incremento exponencial dos contaxios débese, na súa meirande parte, á poboación máis nova. Así, a IA a 14 días é de 717 casos por cada 100.000 habitantes para as persoas de entre 12 e 19 anos, e de 782 de 20 a 29, mentres entre os 30 e os 39 anos —o grupo que está a ser vacinado este mes— redúcese a 299. Mais a caída é moito máis pronunciada na franxa de idade de 60 a 69, cunha IA de 58, e é de apenas 31 entre as persoas maiores de 70.

"Tiñamos claro que había que axustar o modelo de restricións, porque a realidade epidemiolóxica actual é distinta á de decembro, xa que cada vez hai máis xente inmunizada e a poboación máis afectada é a xente nova, que polo xeral apenas sofre complicacións derivadas da Covid-19. Tamén temos un número de hospitalizacións menor e un perfil das persoas ingresadas distinto", argumentou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

En consecuencia, o Comité Clínico acordou mudar os criterios que viña empregando nos últimos meses para estabelecer o nivel de alerta sanitaria en cada municipio, a fin de deseñar un modelo "dinámico e variábel" cuxo factor principal deixa de ser a incidencia acumulada a 14 días e concede unha maior importancia á ocupación hospitalaria, valorando tanto os internamentos en planta e na UCI como a presión sobre os 'circuítos Covid' das Urxencias.

Deste modo, algúns concellos como Ourense que superan os 500 casos por cada 100.000 habitantes de incidencia a 14 días —o limiar que até o momento indicaba o paso ao nivel máximo de restricións— ficarán no nivel alto a partir das 00 horas deste sábado, cando entrará en vigor a nova normativa —previa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG)—. Á cidade das Burgas acompañarana neste chanzo Barbadás, O Barco de Valdeorras, Cambados, A Illa de Arousa, Vilagarcía e Vilanova.

Pola contra, Vigo e Pontevedra, que segundo o criterio precedente se sumarían ao nivel alto, estarán no medio xunto a Boiro, Caldas de Reis, O Carballiño, Culleredo, Marín, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Redondela, Salceda de Caselas, Sarria, Poio, Ribadavia e Sanxenxo, estes tres últimos concellos sometidos a unha "vixilancia especial" pola súa alta incidencia, polo que poderían ascender ao chanzo alto de restricións na próxima revisión do Comité Clínico.

Os restantes municipios do país ficarán no nivel medio-baixo de restricións.

Novas limitacións ás reunións sociais

García Comesaña incidiu en que hoxe os positivos están a rexistrarse, principalmente, "en ámbitos nocturnos fóra da hostalaría", isto é, nas rúas e prazas "onde se celebran botellóns" e nos domicilios privados que acollen "grupos amplos de persoas non conviventes", e que logo trasladan os contaxios "ao entorno familiar".

Debido a isto, o Comité decidiu limitar a capacidade das terrazas na hostalaría a dez persoas, e pediu que se aplique o mesmo criterio para as reunións sociais entre persoas non conviventes en exteriores —e un máximo de seis nos domicilios—. Porén, polo de agora trátase unicamente dunha "recomendación".

Recoméndase un máximo de dez persoas non conviventes en calquera ámbito

Noutra orde, a partir da vindeira terza feira exixirase en todos os estabelecementos do lecer nocturno —tanto no nivel medio como no medio-baixo— presentar unha proba diagnóstica da Covid-19 negativa ou un certificado de vacinación.

"Malia que o risco colectivo baixe, o risco individual segue aí, e a xente nova tamén pode ter complicacións ou sufrir secuelas como consecuencia do coronavirus", matizou Pedro Rascado, médico intensivista do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e membro do Comité.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) convocou esta semana 26.000 persoas, fundamentalmente de entre 18 e 35 anos, para participar en cribados aleatorios. A adherencia, dixo a doutora Durán, está a ser baixa: 41,8% de participación a pasada semana, cando foran citadas máis de 41.000 galegas e galegos, con 2% de probas positivas. "É unha cifra importante tendo en conta que se trataba dun cribado aleatorio", lamentou.

A vacinación dos menores de 30 anos, o 9 de agosto

O conselleiro de Sanidade preveu iniciar a vacinación das persoas de entre os 20 e os 29 anos o vindeiro 9 de agosto, unha cuestión que dependerá da "dispoñibilidade de doses", e non descartou ampliar a 'autocita' a "outros colectivos". Polo de agora concertáronse 4.706, correspondentes a estudantes 'Erasmus' das tres universidades galegas e ás e os maiores de 50 anos que non acudiron no seu momento a se vacinar.

No conxunto da Galiza, 1.538.171 persoas contan xa coa pauta completa —62,6% da poboación a inmunizar—, e un total de 1.767.692 recibiron, cando menos, a primeira dose —72%—.

Cómputo de positivos de fóra da Galiza

En resposta a preguntas formuladas por Nós Diario, o conselleiro xustificou a exclusión dos positivos de persoas de fóra da Galiza das estatísticas oficiais de cada municipio alegando a "complexidade" que supón: "A contabilidade é complexa en todos os concellos, sobre todo nos turísticos, porque os contaxios son asociados á tarxeta sanitaria. É o sistema co que levamos traballando un ano e medio, que funciona moi ben, mais nalgún caso como este somos incapaces de asociar unha persoa co concello onde está cada día. Dáse unha situación estraña cando unha persoa dá positivo nun concello que non é o seu, polo que a xente de fóra súmase logo de forma global á área sanitaria", expuxo, sen especificar o volume de casos que correspondería a persoas foráneas nin valorar se a masiva chegada de turistas prevista para este verán podería disparar os positivos, dado que a Xunta hoxe unicamente exixe ás persoas procedentes de territorios cunha alta incidencia cubrir un formulario cos seus datos persoais, sen que sexa obrigatorio someterse a unha proba PCR ou presentar un certificado de vacinación.

Sanidade non conta os casos de turistas pola "complexidade" que supón

Este criterio de Sanidade impide saber o número real de novos contaxios e de casos activos presentes en cada municipio, en especial nos máis turísticos, como pode ser o caso de Sanxenxo. Cómpre lembrar, neste senso, que Sanidade está a decretar os diferentes niveis de alerta en función da situación individual de cada concello e non polo conxunto da área sanitaria. A este respecto, o médico especialista en Análises Clínicas Luis Vázquez advertía na terza feira a este xornal da importancia de que cada positivo "se compute no lugar onde se detectou" para coñecer con certeza a situación epidemiolóxica de cada localidade.

Tamén Carmen Durán quixo quitar ferro a este asunto e afirmou que, independentemente de que nas estatísticas oficiais non se contabilicen estes casos, "as xefaturas territoriais de cada área sanitaria saben en todo momento onde se producen os surtos e de onde son esas persoas".