A sanidade galega mobilizarase en apoio e solidariedade coa sanidade en Palestina

Restos do hospital al Shifa, en Gaza (Foto: Khaled Daoud / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).
A CIG-Saúde convoca concentracións para o 24 de abril en todas as áreas sanitarias.

A CIG-Saúde anunciou a convocatoria de concentracións en apoio e solidariedade co persoal sanitario e de axuda humanitaria de Palestina. As mobilizacións terán lugar o vindeiro día 24 de abril, ás 12 horas, diante da entrada principal dos sete hospitais de referencia das distintas áreas sanitarias galegas.

Os actos, convocados pola CIG-Saúde en repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas, persoal sanitario e de axuda humanitaria, conta co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina.

Neste sentido, a CIG-Saúde fixo un chamamento ao persoal da sanidade a sumarse a estas mobilizacións porque "non podemos ficar caladas diante do xenocidio e barbarie que outros están a consentir ".

Os hospitais de Gaza non son unha ameaza! Así se titula o manifesto ao que se dará lectura nestes actos. "Os hospitais, centros de saúde e ambulancias non poden ser obxectivos militares", prosegue o documento da CIG-Saúde.

"Bombardear hospitais, centros de saúde e ambulancias é un crime de guerra que converte en vítimas ás persoas que tiñan que coidar e socorrer á poboación de Palestina. O Estado de Israel está utilizando os ataques aos centros sanitarios dentro da estratexia de barbarie e xenocidio", denuncia o sindicato.

"Condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do Estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina. Os ataques contra hospitais, centros de saúde e ambulancias son unha mostra desta violencia", continúa.

"Segundo a propia OMS recoñece, o Estado de Israel está realizando ataques sistemáticos contra hospitais, clínicas ou ambulancias tanto en Gaza como en Cisxordania. Foron bombardeados hospitais cos corredores abarrotados de feridos, enfermos ou moribundos e coas morgues ateigadas mentres se realizaban operacións sen anestesia e decenas de miles de gazatís desprazados estaban refuxiados ao seu amparo", lembra a CIG-Saúde.

"Como traballadoras e traballadores da sanidade non podemos quedar caladas fronte a esta barbarie, fronte a este xenocidio, polo que queremos mostrar o noso apoio e solidariedade co persoal da sanidade de Palestina e reclamar a fin da barbarie e do xenocidio que está a cometer o Estado de Israel", conclúe o comunicado.